Saúde

Día Mundial sen Alcol: cinco datos sobre o seu consumo e abuso na Galiza

Case seis de cada dez galegos e galegas embebedouse algunha vez. (Foto: Photographee.eu)
O consumo de alcol, así como as consecuencias nocivas derivadas do seu abuso, é máis frecuente nos homes que nas mulleres.
  1. Frecuencia
  2. Idade de inicio
  3. Embriaguez
  4. Consumo por persoa
  5. Mortes por alcol

O alcol é a substancia psicoactiva —segundo a definición da Organización Mundial da Saúde (OMS)— máis consumida e estendida entre a poboación mundial, e o caso galego non é diferente.

Frecuencia

Segundo detalla a Enquisa sobre Alcol e Drogas elaborada polo Ministerio de Sanidade en 2021, a práctica totalidade da poboación da Galiza (90,3%) consumiu alcol, cando menos, unha vez na súa vida.

Aliás, tres cuartos dos galegos e galegas (74,3%) probárano nos doce meses anteriores á realización desta enquisa. E, no que atinxe a un consumo máis frecuente —nos últimos 30 días—, representa 63,9% da poboación.

O consumo de alcol algunha vez na vida é máis frecuente nos homes galegos (93,9%) que nas mulleres (86,8%), e o mesmo acontece co consumo máis habitual, no último ano: 81,6% dos homes por volta de 67,1% das mulleres galegas.

Idade de inicio

Por termo medio, segundo o mesmo estudo, na Galiza o consumo de alcol comeza aos 17 anos de idade, lixeiramente por riba da media do Estado español, onde a mocidade proba o alcol por vez primeira aos 16,7 anos.

Embriaguez

Este informe de Sanidade ten en conta tamén o abuso desta substancia, e evidencia que até 58,7% da cidadanía galega chegou a embebedarse, cando menos, unha vez na vida. Nos últimos doce meses embebedouse 17% da poboación, e, no mes anterior, 7,4%.

Unha das prácticas máis estendidas entre a xente nova é o 'botellón', do que no último ano participou 8,3% da poboación total da Galiza —o informe non debulla os datos concretos referidos á mocidade—.

Consumo por persoa

Ao longo do ano 2016 o consumo total per cápita a nivel mundial foi, de media, de 19,4 litros de alcol puro entre os homes e de 7 litros entre as mulleres.

Mortes por alcol

A OMS precisa tamén que 7,7% das mortes totais en homes son atribuíbeis ao abuso do alcol, unha porcentaxe que cae a 2,6% no caso das mulleres.

Consecuencias dun uso nocivo

Esta terza feira, día 15, conmemórase o Día Mundial sen Alcol, unha data na que a OMS busca concienciar sobre a "alta carga de morbilidade" e as "importantes consecuencias sociais e económicas" que se derivan dun uso nocivo do alcol.

Así, o organismo salienta que esta substancia é un factor causal en máis de 200 doenzas, traumatismos e outros trastornos da saúde como enfermidades mentais ou da conduta, incluído o propio alcolismo, así como outras afeccións como a cirrose hepática —que provoca insuficiencia no fígado—, algúns tipos de cancro ou enfermidades cardiovasculares.

"Unha proporción importante da carga de morbilidade atribuíbel ao consumo de alcol consiste en traumatismos intencionais ou non intencionais, en particular os debidos a accidentes de tránsito, violencia e suicidios. As lesións mortais relacionadas co alcol adoitan ocorrer en grupos de idade relativamente máis novas", precisa a OMS.

Aliás, explica que as persoas en situación ou risco de pobreza son as que padecen "maiores danos sociais e de saúde" por mor do consumo abusivo do alcol. "Se ben non existe un factor único de risco dominante, cantos máis factores vulnerábeis converxan nunha persoa máis probábel será que desenvolva problemas relacionados co alcol", incide.