Consumidoras e internautas critican a “falta de previsión” da administración ante a tecnoloxía 5G

A Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD) considera que as institucións fallaron á hora de desenvolver unha campaña informativa completa e con auténtico alcance social.

O pasado mes de xuño o Goberno español aprobou o Plan Técnico Nacional da televisión dixital terrestre (TDT) que regula o Segundo Dividendo Dixital para poder implementar a tecnoloxía 5G. O Segundo Dividendo Dixital é un proceso mediante o cal se libera a banda de 694-790 MHz (agora 700 MHz) do espectro radioeléctrico para reagrupar as canles da TDT e deixar espazo para a introdución da tecnoloxía 5G, a cal permitirá unha conexión a internet máis rápida. O prazo para desenvolver esta operación, que se coordina desde a Unión Europea, remata o 30 de xuño de 2020.  

Porén, desde a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD), consideran que a  realidade é que en poucos anos se tivo que resintonizar a TDT “varias veces”, o que indica “unha total falta da previsión sobre a evolución da telefonía móbil por parte da ddministración, deixamento que afectou directamente ao peto dos consumidores”. A PSPD está impulsada pola Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), a Asociación de Internautas e a Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales (Adeces) 

“As persoas que viven en edificios terán que facerse cargo do custo da adaptación das instalacións de recepción de televisión, gasto que xa tiveron que sufragar anos atrás. Así é que o programa de subvencións de 150 millóns anunciado pola administración só permitirá aliviar a carga económica dunha parte das comunidades de propietarios do país, que posúen, non hai que esquecerse, a condición de consumidores”, indican.