Participaron 449 persoas

Unha consulta na Cidade Vella da Coruña pide a devolución gratuíta dos terreos de Defensa

Praza de Azcárraga na Cidade Vella da Coruña. Foto: Galipedia.

Unha consulta convocada pola Asociación de Veciños da Cidade Vella da Coruña e a Comisión Aberta en Defensa do Común vén de concluír coa esixencia da “devolución gratuíta dos terreos de Defensa ao concello para que sexan destinados a zona verde e equipamentos públicos”. Na consulta participaron 449 persoas, 436 das que votaron nese sentido. En 2015, 2563 veciños vivían no lugar.
 

O que os organizadores denominan “a primeira consulta que se celebra na Coruña despois de 40 anos de democracia” pretendeu “recoller a opinión da veciñanza da Cidade Vella sobre o futuro deses terreos”. Ademais, afirmar “manter durante máis de dous anos a reivindicación da devolución gratuíta á cidade e a modificación puntual do PXOM”.

 

As dúas entidades convocantes lembran que no pleno municipal do 11 de abril de 2016, os votos de Marea Atlántica -partido do goberno- e o BNG aprobaron un acordo de seis puntos que se corresponde en boa parte coas opcións sometidas á consulta dos veciños e veciñas da Cidade Vella.

 

O documento plenario solicitaba, entre outras cousas, “pedir ao Ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para usi público”; “ter en conta a participación e opinión da cidadanía e da Asociación de Veciños da Cidade Vella” e modificar o plan xeral.

 

As proposicións sometidas a votación pola asociación e mais a Comisión Aberta foron: “1) Estou de acordo coa devolución gratuíta dos terreos ao concello para que sexan destinados a zona verde e equipamentos públicos, mediante a modificación puntual do PXOM”; “2) Estou de acordo en que o Ministerio de Defensa venda os terreos por 12 millóns de euros, mediante poxa pública, para a construción de 12 vivendas”. Gañou a primeira cos mencionados 436 votos.

 

Compromiso plenario


O expediente municipal relativo ao citado acordo plenario, indican nunha nota de prensa os organizadores da consulta, iniciouse o 27 de febreiro de 2017. O 6 de marzo dese mesmo ano, o pleno municipal volveu aprobar -a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común- a realización “dunha consulta no prazo máis breve posíbel” relativa aos terreos da Solana, o Hotel Finisterre, do vello cárcere, aos espazos portuarios a desafectar e do Campo da Estrada.

 

Ademais, este segundo acordo instaba ao Estado a “asumir o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior”, que o Goberno de Madrid quere sufragar cos cartos obtidos polas vendas dos terreos en disputa.