Construír Galiza, tamén desde os muros e paredes

Vía Galega convoca a primeira edición do concurso de murais, coa finalidade de fomentar a creación e estender “conciencia nacional”. Os gañadores coñeceranse a mediados de setembro.

Os murais e pintadas non son descoñecidos no ‘agit-prop’ do soberanismo galego. Xa na campaña do estatuto do 36 en vilas e cidades do país abondaran as pintadas en paredes e mesmo calzadas de rúas e prazas chamando a votar. Isaac Díaz Pardo lembraba que el propio, adolescente, cun grupo de amigos encheran de pintadas de “Estatuto SI” a zona vella compostelá. Na loita antifranquista tamén cobraron importancia as pintadas e, aos poucos, tamén os murais. Estes tiveron o seu esplendor nqueles finais dos 70 e principios dos 80, con imaxes e debuxos de gran tamaño e através dos que se denunciaba desde o asasinato de Moncho Reboiras ou se explivaba a oposición á central nuclar de Xove, pasando pola reivindicación do dereito de autodeterminación ou a denuncia da ‘farsa’ da transición.

 

Os murais nunca abandonaron a xeografía galega. Continuaron evolucionando e enriquecéndose a medida que a sociedade galega ía facendo fronte a novos problemas e reos: murais contra a OTAN, contra o ingreso no CEE, na defensa do idioma, na defensa do territorio, na denuncia contra a represión, e un longo ecétera que pervive até hoxe.

 

Desde a  A plataforma social en defensa dos direitos nacionais da Galiza, Via Galega, vénse de convocar  a primeira edición do concurso de murais “Daniel R. Castelao. Construindo Galiza”. Un concurso co que, por una banda, procuran alargar e enriquecer esta acción (facer murais) como vía para “crear conciencia” e, por outra banda, favorecer a creatividade.

 

Unha mostra ou imaxe poderanse encamiñar antes do 1 de setembro ao correo electronico coordenadora@viagalega.gal. O 15 dese mes daranse a coñecer os gañadores. Os muros escollidos para a realización dos murais deben estar en estado de deterioración e, sempre que sexa posíbel, dentro das pautas que marca a lexislación municipal vixente. A temática das obras presentadas terán que ter unha relación coa defensa de Galiza como nación ou do seu dereito a decidir. Poden participar neste concurso todas as galegas e galegos, de maneira individual ou colectiva, incluíndo aquelas que se encontraren na emigración.

 

 

O xurado estará composto por cinco persoas, 3 ligadas ao mundo das artes e 2 da coordenadora de Vía Galega. Os premios consistirán nunha figura conmemorativa ‘a hoc’ e un lote de material.