'Construíndo feminismo aula a aula', Erguer presenta a súa campaña para o 8-M

Presentación da campaña do 8-M de Erguer esta quinta feira (Foto: Erguer - Estudantes da Galiza).
De acordo cun comunicado ao que tivo acceso 'Nós Diario', a campaña estenderase durante a totalidade do mes de marzo culminando coa participación das mobilizacións convocadas polo movemento feminista no propio día do 8-M.

Erguer. Estudantes da Galiza presentou esta quinta feira a súa campaña para o 8-M baixo o lema ‘Construíndo feminismo aula a aula’ co obxectivo de “mobilizar as estudantes nas rúas e nas aulas no Día da Muller Traballadora”.

A organización estudantil pretende a través desta nova campaña “dar visibilidade” aos problemas que “diariamente sofren as estudantes como consecuencia do patriarcado nos centros de ensino”.

“As mulleres estamos invisibilizadas e discriminadas no ensino de maneira sistémica, desde o borrado de nomes ao longo da historia até a actualidade onde vemos como seguen existindo barreiras para acceder a determinadas carreiras ou para ascender academicamente” sinalou Marina Coego, persoa membro do Consello Nacional da organización.

 “Por iso é preciso que loitemos por un ensino feminista e non patriarcal que impida seguir perpetrando violencias machistas dentro e fóra das aulas” acrecentou.

De acordo cun comunicado ao que tivo acceso Nós Diario, a campaña estenderase durante a totalidade do mes de marzo culminando coa participación das mobilizacións convocadas polo movemento feminista no propio día.

“Desde Erguer temos claro que a loita contra o patriarcado comeza nas aulas, por iso queremos estar nos centros de ensino coñecendo os problemas que afectan nomeadamente as alumnas e que só poden combaterse coa defensa dun ensino feminista” engadiu Coego.

“Esta é a cuestión na cal queremos facer máis fincapé, queremos animar todas as estudantes do país a saír as rúas este 8-M para loitar por un ensino feminista e liberador, que contribúa a combater o patriarcado” concluíu.

Paros de dúas horas o 8-M

Para culminar este traballo Erguer convoca paros de dúas horas o propio 8 de marzo, de 11 horas a 13 horas en todos os centros de ensino medio, formación profesional e universidades galegas co fin de que as estudantes “poidan secundar as mobilizacións que se convoquen ao longo da mañá do propio día”.