Veciñanza crea a Plataforma en defensa da Dorsal Galega para facer fronte a proxectos ‘depredadores’ do territorio

Foxo do Campo (Foto: Plataforma)

Inciden na importancia dun área única.

A Dorsal Galega  é unha cadea montañosa de 210 quilómetros de lonxitude que se estende de norte a sur por Galiza. Un conxunto de serras sobre as que pairan diferentes proxectos eólicos, mineiros…. Para defender a Dorsal e afrontar aquelas iniciativas que entenden prexudiciais, veciños e colectivos veñen de oñer en andamento a Plataforma en defensa da Dorsal Galega.

“Estas montañas e vales están ameazadas por proxectos para a explotación dos seus recursos que veñen da man de grandes empresas que, sen lugar a dúbidas, destrúen os valores do patrimonio ocultándose tras unha máscara verde”, indican desde a Plataforma a través dun comunicado. 

“Xa temos experiencias abondas dos estragos que deixan os eólicos, a minaría e outras empresas que explotan e contaminan os nosos espazos naturais”, engaden. 

Ante este panorama, inforrman, nace a Plataforma de Defensa do Sur da Dorsal Galega, como unha asociación que recolle “un grupo amplo e diverso de persoas e organizacións que teñen como principal obxectivo a protección, a defensa, a conservación e divulgación da biodiversidade e dos ecosistemas terrestres e fluviais que se integran neste territorio e da cultura humana que nel se desenvolveu”.