O Constitucional tomba a lei galega de adopcións, aprobada hai 10 anos por unanimidade no Parlamento de Galiza

Tribunal Constitucional

O BNG fala dun “155” ao dereito civil galego.

O Tribunal Constitucional tombou todos os artigos relativos a adopción e autotutela da Lei galega de Dereito Civil de Galiza, aprobada en 2006, após un recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno central. Fican anulados os artigos desde o 27 até o 45, o que deixa no ar os procesos en curso. A sentenza, recollida por Europa Press, especifica que a declaración de inconstitucionalidade "non afectará as adopcións que sexan firmes". Mais si fican afectadas as que se atopan abertas e aínda non son firmes..

 

O TC tomba o título segundo da lei, sobre adopcións, e o título terceiro, sobre autotutela. Un total de 18 artigos dos 308 que recolle a normativa de dereito civil galego. A sentenza, da que foi relatora Alfredo Montoya Melgar, conta con dous votos particulares, un deles do maxistrado galego Cándido-Pumpido, que  "pode xerar a impresión de que este tribunal (TC) aplica distintas varas de medir cando examina as conexións das lexislacións autonómicas en materia civil coas institucións consuetudinarias dos territorios co dereito civil foral ou especial", xa que houbo precedentes na lexislación aragonesa e catalá que chocarían con esta sentenza.

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que a  sentenza do Tribunal Constitucional é a “particular aplicación do artigo 155 a Galiza e déixanos sen unha competencia exclusiva en  Dereito civil e a posibilidade de dar resposta dende Galiza as mínimas normas de convivencia Civil”.