Xustiza

O TC admite a trámite os recursos de PP e Vox contra a 'Lei trans' e a do aborto

Representantes do movemento en defensa dos dereitos LGBTI celebran a aprobación no Congreso da 'Lei trans' e a do aborto, o pasado 16 de febreiro. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Ambos os textos foron aprobados no Congreso o pasado 16 de febreiro.

O Tribunal Constitucional vén de admitir a trámite os recursos presentados por Vox e o PP contra a nova Lei do aborto e a coñecida como 'Lei trans', respectivamente, no pleno decorrido esta terza feira. A formación de extrema dereita impugnara a Lei 1/2023 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo ao considerar que "vulnera os principios de liberdade, pluralidade e legalidade, e os dereitos á vida, á igualdade e á liberdade ideolóxica".

A lei, aprobada canda a do aborto o pasado 16 de febreiro, supuxo devolver ás menores de 16 e 17 anos o dereito ao aborto sen necesidade de contar con permiso paterno, aspecto sobre o que o Constitucional non se pronunciou ao resolver o recurso 'popular' contra a Lei do aborto de 2010, porque o Goberno de Mariano Raxoi suprimiu ese artigo en 2015.

Foi o pasado mes de maio cando a Corte de garantías resolveu o devandito recurso, un dos máis antigos, rexeitando as teses do PP e consagrando a interrupción voluntaria do embarazo como un dereito da muller para decidir "sen coerción". Os maxistrados tamén acordaron dar entrada ao recurso do PP contra a Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, logo de que o pasado maio xa admitisen a trámite a impugnación de Vox a esta mesma norma.

O Partido Popular alega que a 'Lei trans' podería "lesionar", entre outros, os principios de seguridade xurídica, libre desenvolvemento da personalidade —en relación co dereito á integridade física— ou o de protección da infancia previsto nos acordos internacionais sobre a materia, así como o dereito á igualdade.

Os ERE, ao pleno

Os maxistrados tamén decidiron que sexa o pleno o que asuma o estudo dos recursos presentados polos ex presidentes andaluces Manuel Chaves e José Antonio Griñán e mais outros condenados polo 'caso ERE', para que sexa o pleno da Corte de garantías a encargada de asumir o seu estudo.

A Sala Segunda acordou a semana pasada admitir os recursos dos ERE, ao considerar que nestes momentos "non se pode descartar a verosimilitud das vulneracións de dereitos fundamentais alegadas". Sinalou tamén que "o asunto transcende do caso concreto, debido a que expón unha cuestión xurídica de relevante e xeral repercusión social e que ten unhas consecuencias políticas xerais".