Constatan crecemento da poboación de sapoconcho común no Parque natural de Corrubedo

Exemplar de sapoconcho común ('Emys orbicularis'). (Foto: Nós Diario)

A especie figura como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas.

Un proxecto para o seguimento do sapoconcho común (Emys orbicularis) desenvolvido no Parque natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, no concello de Ribeira (comarca do Barbanza) permitiu constatar avances na consolidación e crecemento das poboacións desta especie nas dúas pozas nas que está presente.

Trátase dunha especie de réptiles que figura como "en perigo de extinción" no Catálogo galego de especies ameazadas.

Os labores de seguimento da tartaruga no parque natural comezaron o pasado outono, coa recollida sobre o terreo dos datos base e de partida por parte de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo (UVigo), e esta primavera realizáronse novas mostraxes para completar a información.

Á vista dos resultados confirmouse que a poboación de sapoconchos das dúas pozas da parroquia de Olveira nas que están asentados mostran síntomas de crecemento.

En concreto, detectáronse 16 exemplares novos en 2022 e outros seis máis nas mostras realizadas desde abril deste ano. Ademais, a taxa de supervivencia estimada é dun 90% anual, valor que se considera elevado para esta especie.

"Boa saúde"

Por este motivo, os datos recompilados no marco do proxecto para o seguimento do sapoconcho común en Olveira (financiado con fondos europeos do Next Generation) permiten concluír que este réptil goza "de boa saúde" no parque natural, á vez que se pon de manifesto a importancia das poboacións existentes en Ribeira para garantir a conservación da especie no conxunto da Galiza.

Para facer as mostraxes os expertos da UVigo aplicaron nasas cebadas na poza de Olveira e en dúas próximas máis pequenas. Unha vez capturados, a cada individuo fíxoselle unha ficha completa e procedeuse á súa marcaxe cun transportador integrado pasivo para garantir o seu seguimento a longo prazo.

Ademais, tamén se tomaron mostras de sangue para facer as análises xenéticas correspondentes e cuxas conclusións serán de utilidade para garantir a súa preservación.