Consellos para que o San Xoán non queime o medio ambiente

Cacharela, cachada, lumeira, fogueira.... Adega fai recomendacións para que a noite máis máxica do ano pode decorrer sen prexudicar o entorno. 

A Noite de San Xoán ou do Lume Novo. Unha noite máxica na que Galiza alumea polas cacharelas, cachadas, lumeiras, fogueiras que se fan por todo o país. Unha das festas máis participadas polos galegos e nas que é posibel divertirse sen que iso pase factura ao medio ambiente. Para iso, Adega propón unha serie de sinxelos consellos. O primeiro, acotar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais. “Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas.” 

Outra recomendación é non facer as cacharelas en praias e dunas, “especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Tede en conta que mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en periodo de cría, como a píllara das dunas”.

“Ter previsto e sinalizado zonas de aparcamento e servizos hixiénicos, e se é posíbel, un posto de información permanentemente atendido. Para evitar problemas coa volta a casa podes achegarte andando ou en bici á cacharela máis próxima, sen esquecer o chaleque reflectante”, outro dos consellos. Tamén se propón desde Adega que se dispoña de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións... 

E para reducir o volume de refugallos xerados unha boa medida é usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornábeis, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles. Tentaremos evitar, na medida do posíbel, o uso de vaixelas de usar e tirar, e de ter que facelo, que sexan preferibelmente de papel/cartón e non de plástico”. 

Nesta listaxe de consellos, tamén propoñenque haxa suficientes "contentores para a recollida selectiva dos refugallos, cando menos de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros, e a recollida debería facerse logo de rematada a festa. Os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contentores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente”.