Cinco consellos para un San Xoán máis sustentábel

O lume é elemento central da festa de San Xoán, cuxas orixes, pagás, remóntanse ao solsticio de verán. Milleiros de fogueiras arderán no país nunha festa en que a auga, as sardiñas, a música e a queimada tamén son benvidas. Resgatamos os consellos de ADEGA para un San Xoán máis ecolóxico.

Alén das medidas de seguridade ambiental e cidadá nas cacharelas e da redución do volume do lixo producido, achegamos cinco consellos para desfrutar dun San Xoán máis ecolóxico.

  • Acoutar os espazos de festa é fundamental, sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, ríos ou contornas históricas ou monumentais, co fin de evitarmos riscos de lumes, danos á flora, á fauna e ao patrimonio e accidentes ás persoas.
  • Evitar facer fogueiras en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Aínda así, unha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode acubillar unha rica biodiversidade.
  • Dispoñer de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco.
  • Empregar recipientes de barro e louza para reducir o volume de refugallos xerados polas persoas consumidoras.
  • Contar con suficientes colectores para a recollida selectiva dos refugallos.