Consellos para non ‘consumirte’ nas festas de Nadal

Adega difunde un compendio de recomendacións para un gasto responsábel e ético durante as celebracións destas Pascuas

 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (ADEGA) ven de publicar un manual de boas prácticas de consumo para estas festas natalicias. ‘Por un Nadal máis verde’, disponíbel na súa páxina web, convida a “reflexionar sobre o noso papel como habitantes deste pequeno e limitado planeta” durante esta época festiva. A entidade alerta no documento sobre o excesivo gasto de enerxía, a alta produción de residuos e o conseguinte incremento de emisións de efecto invernadoiro que provocan un esgotamento dos recursos naturais.

 

“Son estes os síntomas dunha sociedade en perigo”, indican desde a asociación. Para tentar paliar esta tendencia, Adega suxire varias dicas que axudarán a reducir responsábelmente o acusado gasto económico e enerxético do período natalicio.

 

Preciso realmente mercar isto? De que está feito? Canto vai durar? Pode ser reciclado? Hai alternativas mellores? Son algunhas das preguntas que desde a entidade recomendan que a xente se faga antes de mercar algo. Incitan a procurar alternativas en todos os ámbitos que permitan un consumo máis responsábel. Por exemplo, as abundantes comidas familiares poden ser planificadas de xeito que se prescinda de produtos envasados e se tire proveito de alimentos de tempada. “ Evita aqueles alimentos que percorreron moitos quilómetros até o noso prato”, apuntan tamén.

 

Os agasallos son outra vía pola que aforrar tanto económica como enerxeticamente. Mercar xoguetes biodegradábeis, crear os teus propios presentes ou mesmo agasallar algo non físico como subscricións ou obradoiros. Todo serve con tal de prescindir desa necesidade de consumir creada artificialmente pola publicidade, que convén abordar de xeito crítico. As tendas de comercio xusto, a produción local, os mercados tradicionais ou os obxectos de segunda son tamén boas opcións para este Nadal.

 

Reutilizar e reducir

 

O camiño para restrinxir o deterioro do noso patrimonio natural tamén inclúe o abandono progresivo de prácticas que produzan grandes residuos ou gasto enerxético. É o caso das luces de Nadal, do consumo de aparellos que funcionen con pilas, ou mesmo o uso abusivo de medios de transporte privado ou aéreo.

 

Pola contra, Adega propón reducir grazas á vía de emprestar, intercambiar, reutilizar ou remedar. “Nós tamén somos vítimas do consumismo na medida en que consumimos o noso tempo libre nas tendas e centros comerciais, consumimos a nosa saúde e paciencia en longas colas, consumimos os nosos desexos poñéndolle prezo a todo”.