O Consello de Seguridade Nuclear require á Xunta un estudo radiolóxico sobre a mina de San Finx

Areeiro da mina de San Finx (Lousame) nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ostiudo)
 Ecoloxistas en Acción asegura que o Goberno galego incumpre as recomendacións sanitarias respecto da mina.

O Consello de Seguridade Nuclear enviou un requirimento á Xunta para que a Administración facilite un estudo radiolóxico sobre a mina de San Finx, en Lousame. O escrito remíteo á Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Urías, segundo informou a organización Ecoloxistas en Acción nun comunicado, no que asegurou ademais que o Goberno galego incumpre as recomendacións sanitarias respecto da mina de San Finx.

Segundo sinalou a organización nun comunicado, a pesar de tratarse dunha mina de estaño e volframio, un estudo da Universidade de Oviedo demostrou a presenza de uraninita -o mineral do urani--. A este respecto, recalcan que remitiron no seu día este estudo, tanto á Xunta como ao Consello de Seguridade Nuclear, "maiso departamento non fixo nada respecto diso".

"A pesar de que o regulamento establece que a minaría subterránea e a produción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiológicos, a Xunta en ningún momento esixiu estas actuacións, nin cando aprobou o proxecto de explotación de mina en 2009 nin cando esta reiniciou a actividade en 2015 da man da actual concesionaria Valoriza Minería", recalcan.

A pesar de que o regulamento establece que a minaría subterránea e a produción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiológicos, a Xunta en ningún momento esixiu estas actuacións

A asociación ecoloxista insiste en que, após se poñer a mina en marcha en 2009 "en ausencia de avaliación de impacto ambiental", mantivo a súa actividade até 2013, e máis tarde entre 2015 e 2018.

Neste sentido, recoñecen que se descoñece o número exacto de traballadores que puideron verse expostos a potenciais radiacións ionizantes derivadas da presenza de uranio, pero apuntan a que poderían ser unhas 30 persoas, considerando que o proxecto de explotación vixente contempla un cadro de 12 operarios.

"Esta forma de proceder, nun asunto no que existen riscos evidentes para a saúde pública, mostra unha falta de transparencia que só beneficia á empresa concesionaria", asegurou o representante da organización, Cristóbal López.

Pola súa banda, o Goberno galego confirmou a Europa Press que xa solicitou o informe pertinente á empresa concesionaria, a quen corresponde entregalo, indican. Segundo explicaron desde a Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, recibiron o requirimento hai poucos días e esperan pola notificación da empresa "aínda en prazo".