O Consello Galego de Médicos pide a retirada do sistema de citas do Sergas

Buscan garantir a "máxima seguridade" das persoas doentes. (Foto: Nós Diario)
Os colexios critican de novo as medidas sanitarias da Xunta.

O Consello Galego de Colexios Médicos solicitará á xustiza a anulación do Plan de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), o sistema que emprega o Sergas para fixar citas en centros de saúde en función da doenza que describa o paciente.

Segundo salientan nun comunicado, os colexios médicos teñen a intención de interpor un recurso contencioso-administrativo contra esta ferramenta, tras o acordo ao que chegaron a pasada segunda feira no transcurso dun pleno extraordinario.

Con esta decisión a entidade volve rebater as propostas sanitarias da Xunta –tras cuestionar a sobrecarga, pór o foco nos recortes ou rexeitar o feche de centros de saúde e PAC– e volve criticar a súa "opacidade" a hora de aplicar un modelo que xa pediron retirar en decembro.

Os colexios médicos, din, buscan "garantir a máxima seguridade" para as persoas atendidas ante o "importante risco" que supón este sistema, tanto para eles como para o persoal non sanitario que as atende.

 Trátase dunha aplicación que emprega a intelixencia artificial con centos de motivos de consultas rexistrados. Así, en base a palabras chave que empreguen os pacientes ao achegarse ao mostrador do centro de saúde, o XIDE indica ao administrativo –non sanitario–  a que profesional debe derivalo e asígnalle unha cita.

Isto, di o Consello de Colexios Médicos, implica a aplicación dunha "triaxe" en Atención Primaria e o uso dun algoritmo "cuxos resultados non foron testados, do que se descoñece o seu funcionamento e se conta con aval científico". O que debería ser un acto médico, din, "decidirase entre unha persoa non sanitaria e unha aplicación descoñecida", á vez que consideran que non se garante a intimidade, confidencialidade nin o segredo médico.