Non chegan para “atender as necesidades reais de gasto”

O Consello de Contas considera insuficientes os orzamentos para sanidade

O presidente do Parlamento de Galiza Miguel Santalices e o conselleiro maior do Consello de Contas José Antonio Redondo. Foto: Consello de Contas.

Os orzamentos que cada ano presenta a Xunta para a sanidade non abondan para atender as “necesidades reais de gasto”. Así o considera o Consello de Contas e así o expuxo José Antonio Redondo, o seu conselleiro maio, na desinchada comisión de investigación sobre a materia no Parlamento galego.
 

Segundo explicou Redondo, “ese déficit inicial” consecuencia da “escasa planificación” das contas do Goberno de Núñez Feixóo corríxese despois con modificacións orzamentarias e o crecemento dos créditos. E aínda así non chegan a cubrir o gasto real do Sergas. O seu discurso contradí con contundencia o do oficialismo: a sanidade pública sofre de infrafinanciamento, t6al e como denunciaron, nos últimos días, os médicos de familia.

 

O Consello de Contas realizou máis de 110 informes referidos á sanidade pública. Redondo expuxo no organismo parlamentario -en que a oposición non participa debido ás imposicións do Partido Popular á hora de programala- que eses textos serven para detectar “as dificultades do sistema”.

 

O conselleiro maior, con todo, tamén afirmou que os gobernos de Feixóo “se esforzaron porque a sanidade fose, dalgún xeito, de todos os ámbitos, o menos afectado”. Mais que, tal e como o órgano que representa “recomendou reiteradamente, deberían corrixir moitas das ineficiencias do sistema”.