Medio Rural comprométese a pagar as axudas da PAC ás explotacións con cambio de titularidade

Explotación gandeira

Labregos e labregas de nova titularidade enfrontábanse a posibilidade de perderen as axudas económicas concedidas mediante a Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea para o ano 2018. Após de negociacións coa FRUGA, a consellaría vén de comprometerse a que poidan cobrar en  tempo e forma.

Quen accedera á titularidade dunha explotación no momento de solicitude das axudas —de febreiro á abril— corría o risco, debido a unha serie de dificultades de carácter burocrático, de non cobralas nas mesmas condicións que o resto de labregos e labregas (a finais de 2018). De non ser así non cobraría até finais de marzo.

 

A Federación Rural Galega iniciou os trámites precisos para que esta situación non tivese lugar e agora mesmo a maioría das persoas afectadas xa teñen ingresada a parte que lles correspondía das axudas da Política Agraria Común do ano 2018. Trátase sobre todo de mocidade que se acababa de incorporar á actividade no campo.

 

Dende a FRUGA indican que non teñen por que sufrir “ningún tipo de discriminación ao verse forzadas a cobrar máis tarde que o resto, sobre todo cando o motivo deste atraso estaba na propia administración e tendo en conta ademais que estamos a falar da principal fonte de ingresos que teñen as explotacións galegas”.