Mobilización da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

O conselleiro de Educación non pasa a reválida

O conselleiro de Educación someteuse esta terza feira a unha reválida. E suspendeuna. Suspendeu en Competencia Cívica e Social por non rexeitar a LOMCE. Suspendeu en Competencia Lingüística por non asegurar un ensino en galego. Suspendeu en Competencia Matemática por continuar a discriminar a lingua galega recortando o número de horas impartidas. 

Así protestaba A Plataforma Galega en Defensa do Ensino esta mañá fronte a Consellaría de Educación contra a LOMCE e as reválidas. Unhas probas innecesarias e que cuestionan a labor do profesorado en palabras de Anxo Louzao, portavoz da plataforma e secretario da CIG de ensino.

Dende a Plataforma, afirman que xa se coñecen as carencias e as necesidades do sistema educativo e por este motivo, “non deixa de ser un insulto até certo punto”, declara Anxo Louzao. O portavoz resalta, aliás, e cualifica de impresentábel e precupante que a Consellaría se escude en que o beneficio das probas é un aumento do profesorado nos centros cando xa se estaba demandando previamente e non se están atendendo estas solicitudes.

"Estas probas non deixan de ser un insulto ata certo punto” , Anxo Louzao

“Estamos ante unha actitude da Consellaría de Educación de obstinación, de autoritarismo e de estar de costas ao que é a comunidade escolar”, afirma Louzao . O portavoz acusa ao tempo a Consellaría de facer seguidismo das directrices que chegan de Madrid e non ter en consideración o que opina a comunidade escolar.

Máis do 80% das familias non enviaron os seus fillos á escola

As reválidas que entraron en vigor coa LOMCE foron unha das medidas máis polémicas desta lei, xunto coa supresión de filosofía como materia obrigatoria no último curso de bacharelato ou dotar de maior peso no currículum a asignatura de relixión. Estas probas pasaron a ser de carácter diagnóstico após a forte oposición recibida no ámbito do ensino.

Esta terza feira 23 de maio estánse a realizar nos centros de ensino galegos ao alumnado de sexto de primaria e cuarto da ESO. Aliás, máis do 80% das familias non enviaron os seus fillos á escola e hai mesmo centros nos que ningunha rapaza nin rapaz se presentou ás probas, dados que destacan dende a plataforma.