O conselleiro de Sanidade cualifica a situación como “razoabelmente ben”

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que o actual é "un momento complexo" pola circulación, ao mesmo tempo, do virus da gripe, a Covid e o VRS, pero considera que a situación está "razoabelmente ben".

"É un momento complexo. Por primeira vez coinciden tres virus. Antes chegaba primeiro o VRS e logo a gripe, pero estes últimos anos cambiou con outro actor, a Covid, que alterou toda esa relación. E este ano coexisten os tres", explicou o titular de Sanidade en Verín este domingo.

Apuntou ademais que, polo momento, hai unha maior incidencia de VRS, "que parece que empeza a baixar", mentres que a gripe "aínda non chegou ao seu pico máximo".

"De feito, aínda que hai que tomar os datos con prudencia, hai unha lixeira baixada da incidencia da gripe estes días", puntualizou.

Respecto á Covid, destacou que, aínda cunha incidencia baixa, a enfermidade "segue aí". Esa baixada nos casos, reivindicou, é grazas ao proceso de vacinación. "Agora mesmo está controlado, pero sempre é unha situación inestábel, sobre todo se hai cambios nas variantes".

Afluencia de crianzas nas Urxencias

Afirma tamén Comesaña que non hai problemas en canto a ingresos hospitalarios, aínda que si hai unha maior afluencia no servizo de Urxencias, sobre todo de nenos e a principios de novembro.

Precisamente son os máis pequenos, indicou, o grupo máis afectado. "Fundamentalmente, nenos por baixo dos tres anos, que non tiveran contacto cos virus e agora tiveron un contacto brusco, cun sistema inmunitario que non está adestrado para iso".

Insistiu en que, na súa maioría, son patoloxías leves que non requiren ingresos.