A conselleira de Medio Ambiente, en corentena por contacto cun positivo

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (Europa Press)
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cancelou a súa axenda pública para gardar corentena despois de confirmarse o contacto estreito coa deputada do PPG Marisol Díaz Mouteira, que vén de dar positivo en coronavirus. 

Ángeles Vázquez é a segunda conselleira que se ve nesta situación, despois de que en setembro, o titular de Educación, Román Rodríguez, atravesase outro confinamento preventivo por un contacto cunha persoa positiva, días despois de ser designado para o cargo. 

Tanto Vázquez como Díaz Mouteira delegaron o seu voto no Parlamento no portavoz do seu grupo, Pedro Puy, para a sesión plenaria que comeza esta terza feira, 20 de outubro.

Ademais, seguindo tamén o protocolo Covid-19, a deputada socialista Marina Ortega, vicesecretaria da Mesa da Cámara, mantén por segunda vez illamento preventivo. No seu caso, delega no portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero.