A consellaría de Traballo recoñece (agora) a ''extrema vulnerabilidade social'' de Elisabeth Sanlés

[Imaxe: Maia]

A veciña da Coruña, enferma de fibromialxia e que se mantén ela e tres crianzas cun subsidio mensal de 216 euros mensais, está pendente de que se execute unha orde de lanzamento datada nun primeiro momento para o 8 de outubro e que a mobilización social logrou paralizar. 


Tiveron que pasar dous anos e que Elisabeth Sanlés se enfrontara cunha orde de desafiuzamento ditada en virtude dunha sentenza firme que viña resolver a denuncia por impagamento do aluguer que presentou contra ela o propietario da vivenda en que mora, no número 30 da rúa Antonio Noche, no barrio coruñés do Castrillón.

Tivo que un xuíz de instrución ditar unha providencia para sinalar que a muller se atopa nunha situación "de especial vulnerabilidade ou desvalimento" ao (sobre)vivir ela e as tres crianzas de 11, 5 e 4 anos cun subsidio por desemprego de 216,71 euros mensais cos cales, para alén de se manteren catro persoas, tería que facer fronte ao aluguer (de 400 euros) e ás facturas. 

E tivo que lidar co Concello da Coruña, nomeadamente coa dirección xeral de Servizos Sociais. Quen a rexenta, Xosé Luís Quintela, dixo que na cidade herculina había "casos peores" que o de Elisabeth Sanlés, negou a "vulnerabilidade" recoñecida polo xuíz e denunciou perante a imprensa que a muller rexeitara o inmoble de protección oficial que lle ofreceu o Instituto galego de vivenda e solo, sen aclarar as causas.

A coruñesa, enferma de fibromialxia, sinalara entre os requisitos do piso que non debía ser máis dun segundo andar mais, por un erro informático recoñecido polo IGVS, procuráronlle un cuarto andar. Desde aquela, Sanlés está á espera dunha vivenda social. O 25 de outubro fanse dous anos.

"Estou todos os días pechada sen saber cando van voltar"

Tivo que pasar todo iso para que a consellaría de Traballo e Benestar recoñecera a "situación de extrema vulnerabilidade social" en que se atopa a muller, pendente de que se fixe unha nova data para executar a orde de lanzamento que pesa sobre ela. Unha funcionaria xudicial e o representante do propietario --emigrado na Suíza-- intentaron o despexo o 8 de outubro. Porén, a mobilización social encabezada pola plataforma Stop-desafiuzamentos A Coruña impedíullelo. 

"Estou todos os días pechada sen saber cando van voltar", denunciou Sanlés perante os medios de comunicación que cubriron a rolda de imprensa que deu esta cuarta feira diante da súa vivenda, acompañada de ducias de activistas contra os despexos. Tamén recibiu a visita de Aurelia Rey, a anciá á que botaron da súa casa por demorar no pagamento dun mes de aluguer e para quen a presión social logrou unha vivenda social. 

A muller percibe unicamente unha parte do subsidio por desemprego porque o traballo que perdeu en agosto do ano pasado era a media xornada. Desde entón só puido pagar mes e medio máis do aluguer e leva varios anos anotada na listaxe de demandantes dunha vivenda social. A consellaría do Benestar recoñece agora unha situación de vulnerabilidade "maior do que consideraban incicialmente", informou Stop-desafiuzamentos. Riba da mesa, a "necesidade urxente" dunha nova casa, perante a imposibilidade legal de paralizar a orde de despexo.