“A Consellaría de Benestar ten unha folla de rota clara: privatizar todo o que se poida’’

Mar Peteira

Baixo a Xunta de Núñez Feijóo estase a consolidar un modelo no que a empresa privada está a facer un moi lucrativo negocio da atención socio-sanitaria. Falamos con Mar Peteira, da CIG: “Hai toda unha estratexia para finiquitar o público”.

Centos de milleiros de euros públicos para empresas privadas mentres nos centros da Xunta se reduce en comida para residentes, recortes en persoal, repagamento, redución en material básico, incremento cero en prazas.... A rede de benestar pública leva cinco anos de tesoiradas, ‘austericidio’ e recortes en Galiza. Unha realidade con consecuencias directas sobre usuari@s e as familias. Falamos con Mar Peteira, da sección sindical da CIG na Consellaría de Traballo en Benestar. Non ten pelos na lingua: “Están a montar un lucrativo negocio para a privada”.

- O DOG publicaba en agosto un anuncio de contratación que supuña 690.000 euros máis para a privada mentres mantiña recortes no sistema público de benestar...

En realidade ese anuncio era unha ampliación de fondos, son xa 2,7 millóns de euros os que a Xunta vai destinar neste ano para a xestión privada de residencias de persoas maiores. Este goberno galego dá cartos de abondo para a empresa privada, sobre todo para as monxas, que son as que máis levan. As residencias privadas non viven do que pagan as persoas residentes, iso é algo evidente. De que viven entón? Pois de subvencións e de fondos públicos. E que este tipo de anuncios se publiquen en agosto non é casual, queren que pasen desprevenidos.

"Este goberno galego dá cartos de abondo para as residencias privadas, sobre todo para as monxas, que son as que máis levan".

-Ten denunciado que a Consellaría de Benestar está a consolidar un modelo no que a privada fai negocio coa atención a persoas maiores

- En realidade estase a facer negocio con todo o relativo á atención socio-sanitaria. Por exemplo, os centros de menores. Estanse a privatizar moitos deles. Xa pecharon os de Ourense e Ferrol. E a onde van eses menores? Derívanos á privada. O mesmo pasa coa atención da persoas dependentes en moitos concellos, servizos que son prestados por empresas privadas, que fan un bo negocio. A Consellaría de Benestar ten unha folla de rota clara: privatizar todo o que se poida.

-E como fan para lograr eses obxectivos?

-Primeiro descacreditan todo o que soe a público. Que se @s traballador@s gañan moito e somos uns vagos, que se o público funciona peor... Despois van recortando, tanto en salarios, como en días. Amortizan postos de traballo e queren pechar centros que non son rendíbeis economicamente, esquecendo a dfede que este é un servizo público. Eles meten a lóxica do beneficio privado na atención a dependentes. E comezan a meter empresas privadas. E aquí quero facer unha pregunta: que empresas son beneficiarias? Quen monta unha empresa deste tipo? Alguén que sabe que vai ter subvencións e fondos públicos.

"A Xunta de Feijóo mete a lóxica do beneficio privado na atención a dependentes"

- Como resumiría a situación actual do sistema de Benestar dependente da Xunta?

- Un negocio. Están a montar un negocio a costa o sistema público de benestar. Para este goberno non compensa prestar eses servizos, non lles interesa. Que é o que lles interesa? Montar unha festa de Miss Terceira Idade en Melide, para iso si que hai cartos, e para andar a procurar votos nese tipo de eventos.

- Recortes en persoal de atención directa e incremento cero ns prazas...

- Coa desculpa da crise aproveitan para reducir o cadro de persoal. Xa non é que incrementen, é que reducen. Así que cando fica unha vacante, non a cubren. Cada vez somos menos persoal en atención directa ás persoas residentes. E iso preténdeno subsanar con axustes de quendas, facer días a maiores...

- Mais iso terá unha repercusión na calidade da prestación

- Evidentemente. Hai menos persoal e hai quendas de sete días seguidos, mesmo de até nove días. Xa me gustaría que a conselleira Beatriz Mato ou alguén de aí arriba viñensen a un centro e fixesen, por exemplo, unha quenda de mércores a mércores sen descanso.

- Reduciuse até nun 50% o orzamento para dar de comer aos e ás residentes..

- É certo. Hai un orzamento para manutención diaria por persoa en centro público e este reduciuse nun 50 por cento. E iso mentres se daban millóns a centros privados. Que implica iso? Pois que esas persoas, maiores, van ter unha alimentación peor, sen producto fresco, con conxelados, reducindo complementos dietéticos... E a isto hai que engadir que hai unha circular que recomenda usar só un cueiro por persoa dependente e noite, hai que engadir que as persoas residentes pasaron a ter que pagar a medicación...