Como conseguir que as túas terras estean libres de caza

Comezou a tempada cinexética e Adega dá uns consellos para impedir que nos terreos se practique esta actividade.

O domingo comezou a tempada cinexética, actividade para a que en Galiza hai perto de 50.000 licenzas, e que se estenderá até o vindeiro 6 de xaneiro. A normativa establece que se non queres que no teu terreo se cace tes que solicitalo expresamente, para alén de cazar. É “un claro prexuízo das persoas propietarias en beneficio dos cazadores que non posúen a terra mais fan predominar os seus dereitos sobre ela”, consideran desde Adega.

“No último ano a cantidade de solicitudes de segregación dos Tecores medrou de xeito exponencial, malia a unha normativa hostil”

A asociación ambientalista dá unha serie de consellos para, embora “unha normativa demasiado proclive á escopeta”, impedir que nas túas terras se practique a caza. Así, se es propietario de parcelas nas que ti nunca cediches expresamente os dereitos de caza ao Tecor, por seren, por exemplo, terras herdadas nas que non asinases persoalmente a cesión; ou terras mercadas cos dereitos cedidos polo anterior propietario; abondará con colocar nas parcelas uns cartaces ou letreiros visibles que indiquen "Prohibido cazar" ou "Prohibido o paso" (non existe un modelo ou deseño oficial en Galiza).

Se con anterioridade asinaches a cesión das túas parcelas ao Tecor, e agora queres segregalas deberás solicitar a segregación das túas parcelas do Tecor. Se tes as escrituras das terras abonda con achegalas na Consellaría de Medio Ambiente xunto cunha instancia de solicitude de segregación.  Se non as tes podes dirixirte ao teu concello e solicitar alí un documento selado coa listaxe de parcelas catastrais ao teu nome, no cal se certifica que eres o propietario. Con esta listaxe, e igual que acontecía coas escrituras, debes solicitar por escrito á Consellaría de Medio Ambiente a segregación desas terras do Tecor.