As consecuencias da privatización dos comedores escolares

[Imaxe Malaga al día]

A Xunta rescinde os contratos con dúas empresas malagueñas, polas deficiencias no servizo, dous anos despois do decreto que regula a xestión privada destes espazos. 

 

En agosto de 2013 a Xunta de Alberto Núñez Feijóo aprobaba o decreto polo que se regulan os comedores escolares dos centros educativos públicos non universitarios dependentes da Consellaría de Educación. 

Na norma prevese súa a xestión directa por parte da administración pública --nas súas diferentes instancias-- ou a xestión indirecta através de empresas concesionarias que prestan o servizo. Eis o caso de 11.700 crianzas en todo o país que comen diariamente os menús elaborados por empresas de cátering privadas. 

Na cuarta feira (11 de novembro) o goberno galego, através da Consellaría de Educación, anunciou a rescisión do contrato con dúas empresas malagueñas polas deficiencias na prestación do servizo após as reiteradas denuncias das ANPAS. 

Trátase de Col-Servicol S.L e  Perea Rojas S.L., entidades que fornecían de menús os comedores de 20 colexios galegos localizados na comarca da Coruña, concretamente nos concellos de Cambre, Culleredo e Betanzos; e en Anousa e Cuntis, respectivamente. 

As denuncias das familias e mesmo dalgúns dos gobernos locais referíanse ao "mal estado" da comida por razóns de "insalubridade" e o "certo risco" que isto supuña para o estudantado. Neste senso, as inspesccións de Educación e Sanidade, após unha investigación, concluíron que o "incumprimento grave e reiterado" das condicións do contrato permitían a súa rescisión. Un feito que foi comunicado, segundo recolle Europa Press, ás direccións dos centros e das propias compañías. 

Desde a consellaría aseguran que "as incidencias acontecidas nas últimas semanas", onde o alumnado tivo que recorror a servizos de comida a domicilio (bocadillos e pizzas), "embora importantes, en ningún caso se poden extrapolar ao conxunto do servizo de cátering" que se desenvolve en Galiza e que está "a funcionar con normalidade", afirman desde o executivo. 

"Os problemas persistirán sempre que sexa unha empresa privada quen teña a adxudicación posto que nunca deixarán de primar o seu beneficio económico sobre a calidade do servizo que ofrecen"

Porén, desde a Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), ven unha "irresponsabilidade" este modelo de xestión e reclaman a recuperación da xestión por parte da administración pública. 

Recuperar a xestión pública

"Contratar outro cátering non é a solución, xa que é fácil constatar que hai outros centros servidos por outras empresas (CEIP Milladoiro, CEIP Celso Emilio Ferreiro, CEIP Eugenio López e outros da zona de Pontevedra) que teñen ou tiveron os mesmos problemas", sinalan. "Non podemos esquecer, por exemplo, que Serunión, quen se vai encargar nun período transitorio de abastecer os comedores afectados, é quen tivo tamén denuncias por servir comida en mal estado en varios lugares no curso pasado, como Celanova", lembran após coñecer que o Consello da Xunta estuda novas adxudicacións para resolver o problema. 

"Estamos convencidos de que a única medida satisfactoria é que a Xunta de Galiza asuma a xestión directa dos comedores escolares. Os problemas persistirán sempre que sexa unha empresa privada quen teña a adxudicación posto que nunca deixarán de primar o seu beneficio económico sobre a calidade do servizo que ofrecen", sentencian.