Análise

As consecuencias ambientais do 'bo tempo'

Encoro da Fervenza -que comprende os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas- en setembro de 2021. (Foto: Ramsés Pérez)
Análise para 'Nós Diario' de Ramsés Pérez, coordinador do Proxecto Ríos de Adega.

Semella que nos nosos ríos que sempre foron vizosos agora molesta a vexetación e dicimos que están sucios. Coa meteoroloxía sucede algo semellante, cando hai sol temos bo tempo e cando chove mal tempo. Afirmación que reflexa o descoñecemento do medio que nos rodea e mostra unha vez máis a desalfabetización ambiental propia dos tempos actuais.

Seca na Galiza

As cifras non menten. As precipitacións no noso país son a metade que as do ano pasado. E se tomamos a referencia dos encoros estamos 20 puntos por debaixo dos niveis de 2021, o que significa que a ocupación media é do 54%, fronte ao 70% de hai 12 meses.

Máis números. A Oficina Técnica da Seca da Xunta da Galiza informou na súa última xuntanza, decorrida hai pouco máis dun mes (8 de xuño), que manteñen a prealerta activada, logo dun mes de maio con precipitacións que están por baixo das medias históricas. O motivo é que o caudal dos cursos fluviais está case á metade do habitual por estas datas levando un 46% menos de agua do que debería levar.

De recurso limitado a escaso

Seguramente a ninguén se lle ocorrería dicir que os humanos somos uns animais limitados por ter só dous brazos ou apenas un nariz. Parece que con dúas extremidades desenvolvémonos bastante ben ou mesmo con unha. Un nariz tamén semella suficiente. No planeta Terra, na nosa terra, temos a auga que temos. Un recurso limitado pero até o de agora suficiente. Porén, o uso inadecuado e irresponsábel do elemento vital está levando a que se converta nun  recursos escaso.

Nese contexto, as secas -que lembremos son un fenómeno natural que sucede de cando en vez- vanse trocar en recorrentes e deberiámonos ir adaptando e na medida do posíbel traballar na súa mitigación.

O cambio climático vai levar a que os episodios de seca sexan cada vez máis frecuentes e intensos. Episodios que levarán a situacións de escaseza dos recursos hídricos como o que estamos a padecer este ano. Mesmo poden converxer fenómenos como o mal tempo deste ano (non chover cando tocaba) con vagas de calor como a vivida estes días atrás.

Ante este contexto, deberíamos afacernos a conceptos como o de estrés hídrico, que segundo a FAO acontece cando a demanda de auga é máis alta que a cantidade dispoñíbel durante un período determinado ou cando se restrinxe o uso debido a súa baixa calidade.  O cambio climático é aquí unha peza importante. Prevese que, no ano 2025, 1.900 millóns de persoas vivan en lugares que afronten unha falla absoluta de auga, e dous terzos da poboación mundial poderían estar nunha situación de estrés hídrico.

E non é preciso mirar para outros países. Estes días o Concello de Lalín restrinxía o uso da auga para a rega ou encher piscinas. Bandos municipais que a medida que avance o verán, de continuar este “bo tempo”, irán en aumento.

Ríos con menos auga

É xa un feito. Os grandes ríos de todo o planeta están reducindo o seu caudal e desde diferentes sectores estanse a demandar novas políticas para mudar a situación. De novo non fai falla mirar lonxe, só hai que acudir ás páxinas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou de Augas da Galiza para ver o panorama fluvial.

Afeccións ao medio

A visión urbana do mundo é miope ante os problemas que pode xerar a seca na natureza ou no mundo rural.  Ao estar case sempre cubertas as necesidades básicas das cidades só nos decatamos dos problemas, falamos agora da seca, cando deixa de saír auga pola nosa billa.

As repercusións medioambientais acabamos de comprobalas. As altas temperaturas logo de meses sen chover sumadas a unha política forestal incendiaria e a outra política agrícola suicida levaron a episodios de terríbeis incendios como os vividos nos últimos días.

Outro efecto máis do que poden provocar as secas sumadas á vagas de calor son as afeccións á fauna urbana. Polos de gaivota e cirrios que non aturan coa calor saltan dos tellados nos que están a criar para evitar as altas temperaturas e non morrer deshidratadas.

E a seca pode afectar gravemente ao campo, pois a ausencia de choiva pode significar a perda da produción agrícola afectando tanto á agricultura comercial como de autoconsumo. Algo semellante pasa coa gandaría debido á redución dos pastos e da produción de herba ou grao que acabará incidindo na reprodución ou na produción de leite.