"Conivencia" da Xunta cos cheiros que denuncia a veciñanza de Aguiño

Após anos de queixas e molestias, PP recoñece no Parlamento que proceden dunha empresa ubicada no Couso.

 

A veciñanza de Aguiño, en Ribeira, leva anos aturando cheiros e malos olores e preguntando ás administracións sobre os mesmos e a súa procedencia,. Un malestar e inquietude ao que se suman as verteduras e machas de apariencia aceitosa que tamén se dan nesa zona e que o sector do mar teme que prexudique os recursos marisqueiros existentes.

Esta problemática chegou ao Parlamento da Galiza da man da deputada do Barbanza Rosana Pérez, do BNG; e da presentación dunha proposición non de lei para instar a Xunta a realizar as “investigacións necesarias” que determinen “a procedencia das verteduras” e poñer solucións ás mesmas.

“Está  administración preocupada polo que pasa alí?”, preguntou a parlamentar nacionalista na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos da Camara galega. Lembrou Pérez as reiteradas queixas de veciños e confraría pola situación e  manifestou que non lles constaba que houbese investigación algunha sobre eses cheiros e verteduras, mostrando a súa “sorpresa” se isto finalmente fose asi.

A resposta polo partido que está no Goberno galego, PP, deuna Rubén Lorenzo, que sinalou que os concellos son os competentes no que atinxe a verteduras á rede municipal se ben a Administración galega, dixo, “traballa” en apoio aos concellos nesas competencias.

Defendeu o deputado do PP a realización de mostraxes e analíticas e, ao falar dos cheiros, afirmou que “derivan do proceso industrial dunha das empresas localizadas na zona” do Couso, engadindo a continuación que a empresa “ten un compromiso para un proxecto dun millón de euros para instalar un sistema que reduza os cheiros”.

Na súa quenda de resposta Rosana Pérez mostrou a súa sorpresa. “Vostede sinalou unha empresa como responsábel”, empresa “que leva anos instalada no Couso”. Se esa firma é responsábel dos cheiros, como recoñece o PP, é que as “inspeccións das que fala que fai a Xunta” non funcionan.  Embora non ser citada polo nome, fontes nacionalistas sinalaron que a empresa á que se refire o deputado popular é Conresa.

A deputada do BNG preguntouse que foi o que pasou nestes anos para, sabendo o Goberno a orixe dos malos olores, non actuase. “Que se nos anuncie hoxe que a empresa vai facer un investimento dun millón de euros para reducir os cheiros, pois perfecto mais non nos parece normal que a Xunta non teña actuado nestes anos a pesar das denuncias de veciños, confrarías, grupos políticos... “.