Conmoción e pesar polo falecemento do independentista Duarte Abad

Duarte Abad. Imaxe: Cedida

Natural de Portosín, vivía desde hai tempo na Coruña, onde traballaba como peixeiro. Foi acoitelado na madrugada desta sexta feira cando saía de casa onde vivía coa súa compañeira para ir ao traballo.

Duarte Abad Loxo perdeu a vida esta sexta feira na Coruña, cidade onde vivía, cando saía de casa ben cedo para iniciar a súa xornada laboral. Foi apuñalado, nun suceso que está baixo investigación policial. O presunto asasino, curmán de Duarte, xa foi detido. Duarte Abad tiña 50 anos de idade. A súa morte causou un gran pesar e conmoción no independentismo e no soberanismo, campos no que comezou a militar ben mozo.

 

Natural de Portosín, Duarte Abad foi condenado en 1989 por pertenza ao Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), cumprindo 13 anos de prisión en diversas cadeas do Estado español. Unha vez en liberdade, realizou o Doutorado en Historia, especialidade na que ten feito diversos traballos, nomeadamente sobre as Irmandades da Fala ou Francisco Tettamancy, entre outros. Traballou na hostalería da zona vella compostelá e posteriormente na Coruña como vendedor de peixe, tarefa que desenvolvía por diferentes puntos da comarca, motivo polo que encetaba a xornada laboral moi cedo.

 

As persoas que o coñeceron e trataron destacan del o seu carácter aberto e afábel. “Era tan grande como boa persoa”, descríbeno, “un neno grande” cunha enorme vitalidade e unha persoa moi comunicativa. Cualidadades todas elas á que engaden o seu firme compromiso cun país polo que sentía paixón. "Un patriota", resumen.

 

O corpo de Duarte Abad estará a partir da tarde deste sábado no tanatorio Crematorio AGrela-Albia A Coruña.

 

Nota: Por un erro na edición orixinal desta noticia aparecía a forma "A Grela" cando o correcto é "Agrela". Fomos advertidos da incorrección por un amábel leitor.