Contratos con Eulen e o servizo de rastreo da Covid-19: o Congreso exixe á Xunta documentos da xestión da pandemia

Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, en Girona. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
Rego denuncia o veto do PSOE á comparecencia de Feixoo

Todos os expedientes de contratación e adxudicación realizados co Grupo Eulen –no que é directiva a irmá de Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza na altura–, así como a documentación relativa a contratos como o servizo de rastreo de casos da Covid-19 prestado por Universal Support, figuran entre a documentación exixida ao Executivo galego na Comisión posta en marcha no Congreso español sobre a compra de material sanitario na pandemia. 

En concreto, o 22,49% das peticións de documentación refírense á Galiza, comunidade autónoma á que afectan 83 das 369 peticións de información que foron aprobadas. 

Entre a documentación que se exixen están todos os expedientes de contratación e adxudicación asinados pola Xunta co Grupo Eulen entre os anos 2008 e 2023. Da mesma maneira, exíxeselle ao Executivo galego a información de todas as comunicacións realizadas, por calquera vía, coa empresa contratista Universal Support S.A. –en relación á atención telefónica da Covid-19 e ao servizo de rastreo de casos de Covid-19–, SUM Talk Iniciativas S.A. e Nervo Group Investment; así como de todas as subvencións e axudas concedidas. 

O PSOE veta a comparecencia de Feixoo

A pesar da documentación requirida ao Executivo galego da xestión realizada por Feixoo durante a pandemia, o PSOE "deixouno á marxe" da lista de comparecentes na Comisión de Investigación.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto Nós Diario)

Así o denunciou esta cuarta feira o deputado do BNG na Cámara baixa española, Néstor Rego, que entende que "se se quere esclarecer o sucedido, débese contar cos máximos responsábeis das Administracións implicadas, como a galega, para coñecer cal foi a súa actuación". Con todo, Rego insistiu en que traballará "para que a cidadanía galega coñeza a verdade"