As confrarías galegas súmanse á oposición á mina de Touro

[Imaxe: Erik Dobaño] Planta de tratamento de plásticos nos terreos da antiga mina.

Mariñeiros e mariscadoras piden á Xunta que se opoña ao proxecto megamineiro polas súas posíbeis repercusións ambientais, sociais e económicas.

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores solicitou á Consellería de Economía, Emprego e Industria que se pronuncie en contra de darlle autorización administrativa ao megaproxecto mineiro polas súas posibles “repercusións ambientais e produtivas para a Ría de Arousa.”. Unha nova voz que se opón a un proxecto que continúa a acumular rexeitamentos.

 

Na bacia do río Ulla aumentan as oposicións ao proxecto e nas últimas semanas xa se manifestaron en contra as corporacións dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Lalín, Santiso, Vedra, Rianxo, A Estrada, Teo, Vedra, Vila de Cruces e recuaron nas súas posicións iniciais Touro e O Pino.

 

Ademais, o sistema fluvial Ulla-Deza (zona Rede Natura) e a ría de Arousa (Complexo Ons-O Grove e Rede Natura) foron tamén o foco de atención nas preguntas que o eurodeputado José Blanco formulaba á Comisión Europea sobre o proxecto de apertura da mina de cobre. Incidindo no informe da Sociedade Galega de Historia Natural sobre esta mina, o socialista preguntoulle á Comisión se considera a compatibilidade deste proxecto coa lexislación europea en materia de protección da natureza.