O conflito entre a Xunta e os médicos internistas continúa após a reunión

Os médicos internistas son chaves no funcionamento dos centros hospitalarios. (Foto: Europa Press)
As diverxencias entre a Xunta da Galiza e os médicos internistas continúan. A reunión decorrida onte na sede do Sergas en Compostela serviu para evidenciar as diferenzas entre as partes. Os responsábeis do Goberno galego reduciron o encontro a "unha primeira toma de contacto” con este colectivo.

A Xunta da Galiza e os xefes de servizo de Medicina Interna mantéñense nas súas posturas. Neste sentido, desde o Goberno galego solicitaron aos internistas que "colaboren como fan en Ourense para cubrir as prazas dos hospitais comarcais mentres a Oferta Pública de Emprego (OPE) e o concurso de traslados non leven profesionais de modo definitivo alí".

Nesa liña, horas antes da reunión que esta quinta feira mantivo a Xunta con xefes de Medicina Interna, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que van pedir que o persoal de Medicia Interna teña que dedicar unha parte do contrato a prestar servizo nas comarcas, e asegurou que a ratio de internistas está "bastante por encima da media do Estado".

Rotar nas comarcas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu após a reunión do Consello da Xunta unha posición semellante á do seu conselleiro de Sanidade. Así, afirmou que "todo o mundo pode entender que o obxectivo é garantir a atención nos [hospitais] comarcais" e destacou a boa dotación de internistas da Galiza, que "está por encima da media" estatal.

O directivo da Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) José Antonio Díaz cargou contra a proposta da Xunta de compatibilizar a asistencia en varios hospitais da área sanitaria porque significa "precarizar máis o traballo" e reclamou "contratos máis estábeis". O facultativo esixiu ao Goberno "planificación" porque "non a fixeron durante moitos anos" e alertou de que "en poucos anos vaise xubilar moita xente e non hai posibilidade de substitución e non están a pensar no futuro".

Colexios médicos

As reivindicacións dos profesionais de Medicina Interna recibiron o apoio dos Colexios Médicos da Galiza. Así, nun comunicado de prensa, manifestaron: "Entendemos, por tanto, como xustas e necesarias as demandas e solucións que nestes últimos días expuxeron" e demandaron "esixir ás autoridades sanitarias que se garantan as condicións mínimas para facela posíbel". Na mesma dirección, reclamaron á Consellería de  Sanidade que "de acordo cos servizos implicados e os seus xefes”, arbitre “de forma urxente as medidas necesarias coa memoria económica que corresponda" para "pór fin a esta inaceptábel situación".

O Consello Galego de Colexios Médicos argumentou que "os servizos de Medicina Interna son uns dos que máis carga de ingresos teñen e maior actividade, polo que se consideran dos servizos con máis peso hospitalario. Por iso, desde o Consello Galego de Colexios Médicos vemos con moita preocupación a gran sobrecarga asistencial que veñen soportando nos últimos anos". Na mesma liña, consideraron que a situación "está derivada, tanto do envellecemento, aumento de ingresos e pacientes crónicos, a propia pandemia  Covid, como da insuficiencia de persoal médico que, de maneira crónica, sofren estes servizos".

As causas do conflito

O conflito que enfronta a Xunta da Galiza e aos médicos internistas ten a súa orixe nos recortes executados no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e na Lei 1/2018 pola que se modifica a Lei de saúde da Galiza. A consecuencia do primeiros dos aspectos os cadros de persoal dos hospitais galegos víronse reducindo dun xeito importante, deixándose de cubrir prazas vacantes e baixas, sobrecargando aos profesionais en activo e incrementado a idade media dos facultativos. O correlato de todo isto é un aumento das listas de espera na especialidade e unha perda de calidade do servizo, derivada da necesidade de atender ao mesmo número de doentes con menos persoal.

A Lei 1/2018, que provocou algunhas das máis grandes mobilizacións en defensa da sanidade pública na Galiza, repercutiu os maiores recortes nos hospitais periféricos, ao centralizar a xestión destes noutras áreas sanitarias existentes. A norma, que significou a desaparición das áreas sanitarias do Barco de Valdeorras, A Mariña, Monforte e O Salnés, abriu a porta para o desprazamento de usuarios e profesionais dentro da área, derivando recursos dos hospitais comarcais aos centros de referencia, a costa de separar os servizos dos cidadáns e diminuír a cobertura sanitaria nos espazos vilegos e rurais.

Nova xefa de servizo na área de Ourense

María Bustillo Casado foi nomeada xefa de servizo de Medicina Interna da área sanitaria de Ourense na mañá desta quinta feira após a dimisión da súa antecesora, crítica coa política de persoal da Xunta da Galiza. As causas do conflito mantéñense intactas e os profesionais non cesan nas súas demandas.