Conflito entre a veciñanza e Termas de Cuntis polos dereitos da Burga Lume de Deus

burga lume de deus2-jpg

A Consellaría de Industria deulle o visto bo ao proxecto de saneamento presentado pola empresa privada "Terma de Cuntis" para a Burga Lume de Deus, usada dende tempos inmemoriais pola veciñanza para uso público. A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal acusa á empresa de intentar facerse cuns dereitos que non son seus.

Dente tempos inmemoriais, as propiedades curativas da Burga Lume de Deus, en Cuntis, veñen sendo aproveitadas, de balde, por todas aquelas persoas que o precisen. A burga está localizada en dominio público e remonta as súas orixes aos primeiros tempos da era cristiá. Unha empresa privada, Termas de Cuntis, pretende intervir nela co beneplácito da administración autonómica, que respalda así á perda de dereitos públicos do aproveitamento das augas. A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal presentou xa un recurso de alzada dirixo á Consellaría de Industria, pois dende a Delegación Territorial de Pontevedra ven de dárselle o visto bo ao proxecto de saneamento integral da burga presentado pola empresa.

 

De outubro a finais de xuño, a burga Lume de Deus é empregada libremente pola veciñanza, e no verán, é de explotación única de Termos de Cuntis. A Plataforma acusa a “Termas de Cuntis” de intentar facerse cuns dereitos que, até o de agora, non eran seus. A empresa ten a concesión das augas mineromedicinais e di tamén ser a propietaria da arqueta, o que a Plataforma nega en rotundo. A entidade mesmo ten documentado en rexistros o uso veciñal da burga ao longo do tempo. A Plataforma pide que se anule a resolución na que se aproba o proxecto de saneamento, que se declare nulo todo o procedemento. Queren tamén que se lle denegue a Termas de Cuntis a realización de todo tipo de obras e instalacións relacionadas coa burga.

 

A Plataforma tacha de “unilateral” a decisión da Consellaría de Industria. Considera que limita os dereitos cidadáns e que non ten en conta os dereitos consuetudinarios propios da veciñanza de Cuntis.

 

O proxecto de saneamento, pode supor riscos mesmo para a saúde. Segundo se recolle na memoria explicativa do proxecto, empregaranse revestimentos interiores en resinas “epoxi”, substancias nalgúns países, como Canadá, por completo prohibidas, ao ser consideradas “substancias químicas perigosas”, ligadas a procesos canceríxenos, alérxicos e inmunolóxicos.