MADRID COMUNICOULLE á FAMILIA A NOTICIA DO FALECEMENTO

Confírmase que segue vivo o pontevedrés dado por morto en París

[Imaxe Flickr, Celine] Bataclan

[ACTUALIZADA ÁS 19.30h] Alberto Pardo Touceda, o galego natural de Pontevedra que as autoridades diplomáticas deron por morto nos atentados desta sexta feira de París, está vivo. El mesmo confirmouno nas redes sociais. Pola outra banda, aumentan a 132 as persoas falecidas.

Por un erro de identificación, as autoridades diplomáticas deron por morto un galego natural de Pontevedra, Alberto Pardo Touceda. As institucións públicas confirmaran a primeira hora da tarde a súa morte. Porén, vén de coñecerse que o galego está vivo.

Segundo distintos medios, Alberto Pardo Touceda chegou a falar hoxe coa súa familia, coa que se puxo en contacto hoxe o Goberno central para comunicarlle a morte do pontevedrés.

Alberto Pardo, no seu perfil de Facebook: "Eu véxome a min mesmo nestes momentos e diría que estou vivo"

Alberto Pardo Touceda desmentiu a súa morte a través das redes sociais, "pois non sei... eu véxome a min mesmo nestes momentos e diría que estou vivo... pero se seguides escribindo cousas tan bonitas sobre min talvez teña que morrer para non deixarvos mal... ademais, se o di El País, é que ten que ser certo".

Ademais, un cidadán español dado por morto tamén nos atentados de París, Jorge Alonso de Celada, está vivo segundo a súa familia, que asegura que se puxo en contacto con el vía correo electrónico, segundo publica El Mundo.

Polo de agora, ningunha fonte oficial quixo dar explicacións sobre os erros nas identificacións dos falecidos. No mediodía do domingo, o Ministerio de Exteriores elevara de dous a catro a cifra de persoas orixinarias do Estado español falecidas en París, diante da información subministrada polas autoridades francesas. 

Aumentan as persoas falecidas

Segundo as últimas informacións de AFP, que cita fontes hospitalarias, a cifra de persoas falecidas nos atentados de París ascende, a estas horas, ás 132, ao morrer tres das persoas hospitalizadas.

Este domingo, diversos municipios galegos, como A Coruña, Ferrol ou Vigo, acolleron concentracións en lembranza das vítimas e das persoas feridas nos atentados perpetrados polo Estado Islámico.