Confirman a prisión para un dos detidos polo asasinato de Samuel Luiz e o internamento dos dous menores

Unha persoa no espazo no que foi asasinato Samuel. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Os maxistrados ven "xustificada" a medida tras os recursos presentados pola defensa.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación interposto por un dos investigados polo crime de Samuel Luiz contra o auto da xuíza instrutora que ratificou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, os maxistrados subliñan que, en base ás dilixencias dos testemuños e documentais practicadas até o momento, a medida imposta "atópase xustificada e aparece suficientemente motivada".

O tribunal entende que existen "indicios racionais da comisión por parte do recorrente (K.A.S.C.) dun delito de homicidio", así como "da súa participación na brutal e prolongada agresión física perpetrada sobre a vítima, á que varias persoas propinaron continuos golpes e patadas até causar a súa morte por traumatismo cranio encefálico".

Ademais de pola gravidade do delito e a pena que implica, os xuíces subliñan que a prisión provisional está xustificada pola existencia dun "risco evidente" de que o apelante "puidese tratar de obstruír a investigación e de alterar ou influír sobre as fontes de proba, especialmente no que se refire ás testemuñas".

Sostéñeno ao estar o procedemento en fase inicial, "pendente da práctica de dilixencias esenciais para o debido esclarecemento dos feitos e da participación do investigado nos mesmos".

Os maxistrados consideran "prematura e infundada unha revisión da medida privativa de liberdade provisionalmente adoptada", polo que desestimaron o recurso. No auto tamén sinalan que o arraigamento residencial e familiar alegados polo investigado son insuficientes para substituír a prisión provisional por outra medida menos restritiva da súa liberdade persoal.

Internamento dos menores

A Audiencia Provincial tamén desestimou os recursos de apelación interpostos polos dous menores investigados na causa contra o auto que mantén, para ambos, a medida de internamento en réxime fechado.

O tribunal asegura que existen "fundados indicios", que se desprenden das declaracións das testemuñas e da documentación gráfica, da participación dos dous menores na comisión dos feitos delituosos.

Así, destaca que ambos foron identificados por testemuñas como unhas das persoas que agrediron a vítima.

Respecto a un dos menores, os maxistrados indican no auto que xa fora sentenciado con anterioridade ao cumprimento dunha medida de liberdade vixiada. "É precisamente durante o período de cumprimento desa medida cando presuntamente infrinxe de novo a lei penal dun modo tan contundente e con consecuencias tan luctuosas, evidenciándose así unha clara progresión delituosa que exixe unha resposta sancionadora-educativa inmediata", destacan.

Ademais de pola gravidade do delito polo que están a ser investigados, a Audiencia, do mesmo modo que o Xulgado de Menores, considera xustificada a adopción da medida pola necesidade de evitar a reiteración delituosa, o risco de fuga e a posibilidade de ambos os recorrentes de obstruír a acción da xustiza, dado que as actuacións policiais non finalizaron.

Estes son o únicos tres recursos ás medidas privativas de liberdade que, polo momento, chegaron á Audiencia Provincial da Coruña, segundo precisa o TSXG.