Confirmados os dous primeiros casos de gripe aviaria na Galiza: pode transmitirse ás persoas?

O Goberno galego confirma os dous casos de gripe aviaria detectados recentemente en mascatos. (Foto: Conny Pokorny)
Os positivos nesta variante da influenza en dous mascatos detectáranse recentemente en Cangas e Valdoviño.

A Xunta da Galiza vén de confirmar os dous primeiros casos de gripe aviaria detectados no país en dous mascatos localizados no porto de Cangas e a praia de Valdoviño. Os dous positivos nesta variante da influenza de alta patoxeneicidade en aves silvestres foron ratificados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), segundo informou nesta segunda feira a Consellaría do Medio Rural.

Os casos foron postos en coñecemento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a súa posterior comunicación á Comisión Europea, os estados membro e a Organización Mundial da Saúde (OMS), tal e como estabelece o protocolo de actuación.

O primeiro caso, o de Cangas, arribou ao porto do Morrazo a bordo dun buque pesqueiro e foi trasladado ao Centro de recuperación de fauna silvestre de Carballedo, mentres que o segundo, localizado nun areal de Valdoviño, foi derivado ao de Santa Cruz de Oleiros.

O mascato é unha ave mariña que aniña no Atlántico norte, onde forman colonias de varios miles de parellas. As colonias de cría máis importantes están nas Illas Británicas, que concentran aproximadamente 60% da poboación mundial. Esta variedade de ave silvestre pon o niño no verán e, aínda que a maioría dos individuos adultos fican despois no inverno arredor das colonias de cría, os máis novos migran cara ao sur en dirección a augas subtropicais ou tropicais no oeste de África.

Nestes intres, os mascatos atravesan as costas da península Ibérica no seu proceso migratorio cara a Mauritania e o Golfo de Guinea, aínda que, como inciden desde Medio Rural, "apenas se aproximan á costa, agás para aniñar". Neste senso, a Administración galega salienta que a detección de casos de gripe aviaria na Galiza "non afecta o status sanitario oficial das explotacións avícolas galegas, nin implica ningún tipo de restrición de movementos para as aves e os seus produtos".

O Goberno galego precisa que a capacidade de transmitirse a persoas é "moi reducida"

Con todo, apela a reforzar as medidas de bioseguirdade en explotacións avícolas, especialmente as orientadas a evitar o contacto con aves silvestres, e chama a extremar a vixilancia e notificar calquera sospeita de posíbeis casos ás consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente.

Por último, o Goberno galego subliña que até o momento "non hai constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está a afectar a Europa teña capacidade zoonósica significativa", polo que "a súa capacidade de transmitirse ás persoas resulta moi reducida". Mais si recomenda minimizar o contacto "innecesario" coas aves que mostren signos clínicos de enfermidade ou se atopen mortas no campo, usando medidas de protección en caso de ser necesario recollelas.