Confirmados 6 positivos na Banda de Música de Antas de Ulla e case 40 persoas están illadas

Varios dos contaxiados viven no mesmo edificio, e o Concello encárgase de desinfectar o inmóbel.

A Banda de Música de Antas de Ullas confirmou 6 casos de positivos por coronavirus entre os seus membros, despois da realización das probas PCR aos compoñentes da formación que participaron nun ensaio o pasado 17 de outubro, e unha vez que un dos seus mestres confirmou que estaba contaxiado.

Segundo comunicou a propia banda a través de redes sociais, o director da banda comunicou que era positivo hai uns días, e que tiña síntomas desde o pasado 18 de outubro. Dado que o día anterior celebrouse un ensaio, aínda que con todas as precaucións (grupos de 10 persoas máximo, con distancia, nun espazo amplo), reclamáronse as probas para os asistentes a ese ensaio.

A banda sinalou no seu comunicado que, inicialmente, o Sergas indicara que non era necesario un cribado porque se adoptaron as medidas de precaución no ensaio. No entanto, "despois dun día enteiro de chamadas e mails", conseguiuse que todos os músicos que estiveran no ensaio tivese a opción de facer as probas, que deron un resultado de 6 positivos e 33 test negativos.

Segundo explicou a Europa Press a presidenta da banda, Alba Val, unha vez coñecidos os resultados, optouse por illar a todos os músicos que estiveron en contacto cos contaxiados, polo que o número total de illados é de 39 persoas. Así mesmo, indicóuselle aos pais que non leven aos nenos á escola da banda, e as clases impartiranse de modo virtual.