Confirmados 4 positivos da variante brasileira e hai 10 casos en estudo

Máscaras hixiénicas (Imaxe: Nós Diario)
En dous focos en Vigo

A área Sanitaria de Vigo detectou seis positivos de Covid-19 relacionados con dous surtos, catro deles confirmados da coñecida como variante brasileira deste coronavirus, mentres que mantén outros 10 en estudo.

Así o confirmaron a Europa Press fontes desta área sanitaria, que puntualizaron que até a data son seis os casos confirmados nestes dous focos relacionados coa variante brasileira.

Respecto diso, o responsábel do servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Benito Regueiro, comentou a Europa Press que un dos surtos orixinouse por un caso dun traballador que chegou de Perú e o outro dunha persona que viaxara a México por motivos familiares.

Regueiro comentou que en relación con estes dous surtos -un de orixe laboral e outro familiar- hai catro positivos confirmados e secuenciados da variante brasileira, mentres que outros dez permanecen en estudo.

"Son dous focos controlados", resaltou Benito Regueiro, para engadir que van "aparecendo casos orfos" que estudan para confirmar a variante á que pertencen entre as predominantes.

Este especialista en Microbioloxía resaltou que a variante británica representa "un 80%" dos positivos, polo que se mantén como predominante, á que se suman casos da brasileira e surafricana en menor medida.

Con todo, puntualizou que "son virus moi transmisíbeis" e as mutacións como a brasileira ou surafricana "van aparecendo canda a británica", como consecuencia "da adaptación do virus ás medidas" establecidas para frear a pandemia.