Confirmado: primeiro caso de varíola do mono na Galiza

A mostra da varíola do mono secuenciada. (Foto: Europa Press)
A partir da vindeira semana, a Galiza estará en disposición de realizar as PCR de confirmación diagnóstica deste virus.

A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de recibir, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, a confirmación do primeiro caso positivo da varíola do mono na Galiza.

A persoa afectada polo virus é un varón que pertence a área sanitaria da Coruña e Cee, e permanece illado no seu domicilio. A Dirección Xeral de Saúde Pública xa se puxo en contacto cos contactos estreitos deste positivo e trasladou as recomendacións pertinentes.

A partir da vindeira semana, a Galiza estará en disposición de realizar as PCR de confirmación diagnóstica deste virus.

A confirmación prodúcese logo de que a Dirección Xeral de Saúde Pública enviase ao Centro Nacional de Microbioloxía as mostras de dous novos posíbeis casos de infección, ascendendo ata sete, o número total de persoas que presentaron un cadro compatible coa varíola do mono.

Desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono, o pasado martes 17 de maio, o departamento sanitario da Xunta mantense vixiante para poder identificar e confirmar ou desbotar os posíbeis casos desta enfermidade.