O confinamento leva á hostalaría de Ourense a protestar por unhas “medidas atroces”

Concentración reivindicativa de responsábeis dos restaurantes ourensáns. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A entidade Véxote en Viños e a Asociación de Restaurantes de Ourense (AROU) convocaron unha concentración reivindicativa porque senten que forman parte dun dos sectores máis prexudicados por todas as limitacións e prohibicións que se están estabelecendo na comarca e noutras zonas próximas.

A hostalaría ourensá considera excesivas as medidas ordenadas pola Xunta para intentar frear a onda de contaxios, entre elas o confinamento do municipio, e as cualifica de “atroces”. Tanto é así que onte decenas de persoas secundaron unha concentración convocada polas entidades Asociación de Restaurantes de Ourense (AROU) e Véxote en Viños en protesta polo prexuízo que este feche da cidade vai provocar ao sector.

En plena praza maior as persoas empresarias reclamaron axudas para manterse a pesar da redución de clientela que supoñen as medidas. O voceiro de AROU, Álex Castro afirmou que para o colectivo as restricións “non son xustas nin eficaces”.

Pola contra, entenden que son “atroces”, particularmente para a hostalaría que “arrastra a outras empresas” nas súas perdas. Por eso demandaron ao Concello que promova unha liña de axudas ás que poder acollerse, algo ao que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, se comprometeu malia ter un goberno minoritario de tres persoas.

Rodeado de carteis de protesta, Castro insistiu nun discurso que está moi estabelecido en toda a hostalaría galega desde hai meses: cren que as administracións está a sinalar ao sector desde o principio. De feito, o lema que máis se podía ler era “Culpábeis de que?”.

O empresariado, que levou algunhas cadeiras de cafeterías e restaurantes á praza, portou tamén anuncios advertindo do que vai suceder se non contan con apoio económico das institucións para superar este difícil momento. “Se vende cafetaría, razón Xunta da Galiza”, indicaban.

Para evitar chegar a ese punto pediron accións de control “fundamentadas na lóxica e a empatía”, porque de momento o confinamento é “unha nova estocada” que pode causar feches definitivos.

O voceiro da entidade Véxote en Viños, Enrique Fidalgo, engadiu que pensa que as limitacións as van a ir “improvisando sobre a marcha” desde o Goberno galego.

Proposta de Pérez Jácome

Ao fin desta protesta, Pérez Jácome recoñeceu que estes negocios “están castigados” e confirmou que dará axudas para “apoiar neste drama que están a vivir”. Por exemplo, no pleno pedirá o voto para suprimir as taxas de veladores para 2021 e 2022. O aforro sería de entre 700 e 800 euros cada ano pero sería unha axuda.

Malia que a queixa de hoxe foi dos restaurantes e bares, tamén as e os comerciantes afean a decisión porque “a irresponsabilidade duns poucos acaba pagándose entre todos”. Xa anuncian que sairán “tarde” desta nova recesión económica derivada da pandemia.