Após a pandemia, os europeos confían máis ou menos nas vacinas?

Letonia e Portugal, nos extremos de confianza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Un amplo estudo da Comisión Europea analiza a evolución do nivel de confianza na seguridade, eficacia e importancia da vacinación entre a cidadanía da UE.

A confianza da cidadanía europea nas vacinas volve aos niveis anteriores á pandemia da Covid-19, segundo un informe publicado esta segunda feira pola Comisión Europea. A enquisa, a terceira deste tipo, mostra que, nos 27 Estados membro da UE, 81,5% dos europeos e europeas está de acordo en que as vacinas son importantes; 85,6%, en que son eficaces, e 82,3%, en que son seguras.

Estes datos demostran que, tras as flutuacións que se produciron durante a pandemia, as percepcións volveron en xeral aos seus niveis de 2018. Con todo, persisten as diferenzas entre países e tipos de vacinas. Así, o Estado español fica á cabeza dentro do ente comunitario, con 86,7% da poboación que cre que as vacinas son importantes e 84,1% que as considera seguras.

Tomando como referencia a pregunta concreta de se se cre que as vacinas son "importantes, eficaces, seguras e compatíbeis coas crenzas de cada persoa", a cidadanía de Portugal lidera con 85,3% de confianza, a escasa distancia do Estado español. A media dos Vinte e sete é de 78,4%.

Á cola da Unión en termos de confianza na importancia, seguridade e eficacia das vacinas fican Letonia (29,1% da poboación), Eslovaquia (30,5%) e República Checa (36,8%), e salientan tamén os baixos rexistros de Países Baixos (45,6%), Francia (46,8%), Polonia (50,9%), Alemaña (58,9%) ou Italia (61,8%).

Unha comparación da confianza do público entre as persoas maiores de 65 anos e as de entre 18 e 34 anos mostra unha crecente 'fenda' de confianza nas vacinas en termos xeracionais: as persoas de 18 a 34 anos tiveron menos confianza entre 2018 e 2022.

"A pandemia da Covid-19 demostrou o importantes que son as vacinas, xa que se estima que salvaron 20 millóns de vidas no primeiro ano tras a súa autorización. Isto é un testemuño da nosa sólida cooperación con investigadores, científicos, fabricantes, autoridades nacionais e os nosos socios mundiais. Ao mesmo tempo, o informe subliña a velocidade á que pode cambiar a confianza e os moitos factores que poden influír nela", comenta, a través dun comunicado, a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides.

O aumento da confianza nas vacinas antes da pandemia, prosegue, "foi o resultado dun esforzo concertado" na UE. "Debemos aprender as leccións da pandemia e axuntar esforzos para entender os obstáculos e así poder fechar as fendas de confianza", engade a comisaria.

Este informe forma parte do seguimento da recomendación do Consello de 2018 sobre o reforzo da cooperación contra as enfermidades que se poden previr perante a vacinación. A recomendación presenta unha lista de actividades para aumentar a aceptación das vacinas.

Como parte da iniciativa para contrarrestar a desinformación sobre as vacinas do programa EU4Health, a Comisión Europea está a lanzar unha campaña de comunicación sobre os beneficios da vacinación "de por vida", para doenzas como a Covid-19, a gripe estacional ou o VPH, baixo o título 'United In Protection'.