A conexión entre Vigo e Porto por AVE, á espera do que decida Madrid

António Costa, na cuarta feira, presentando o proxecto de conexión ferroviaria entre Porto e Vigo. (Foto: Nós Diario)
O Goberno do Estado segue sen definir a saída sur de Vigo.

Portugal xa ten feitos os deberes para unir por alta velocidade Porto e Galiza. Neste sentido, o primeiro ministro luso, António Costa, anunciou na cuarta feira a decisión do seu Goberno de arrancar as obras da conexión ferroviaria para 2026, co obxectivo de chegar a Valença en 2030. Porén, a previsión do Executivo portugués choca coa vontade do Gabinete de Sánchez, máis interesado nunha conexión ferroviaria co país veciño que ligue Lisboa e Madrid.

Os obxectivos do Goberno portugués son claros. A este respecto, Costa sinalou a cuarta feira en Porto que "este non é un proxecto de unión entre as capitais peninsulares, isto non vai ser unha illa no conxunto do noso sistema ferroviario nacional e non é a disolución de Portugal nun todo peninsular. Ao contrario. Este é un proxecto que une a Portugal e que reforza a fachada atlántica". 

Nesa dirección, indicou "esta conexión entre Porto e Vigo é o primeiro paso para a nosa integración na rede ibérica de alta velocidade, pero unha integración que desenvolve o noso país e reforza a centralidade e autonomía de Portugal, non doutras cidades ibéricas", nunha clara referencia a Madrid.

O ministro de Infraestruturas, Pedro Nuno, explicou a orientación da política de comunicacións do Executivo de Costa. Nesta liña, reiterou a prioridade do Goberno portugués de conectarse coa Galiza por alta velocidade, coa idea de seguir potenciando as relacións sociais, económicas e culturais a ambos os lados do Miño. 

Nuno xa se manifestara neste sentido en ocasións anteriores, afirmando en novembro de 2021 que "para nós a prioridade absoluta é conectar por alta velocidade Lisboa e Porto e Porto con Vigo. Apostamos por iso no plan de investimentos do Goberno portugués de 43.000 millóns de euros". "A Galiza é a rexión coa que temos máis lazos económicos e sentimentais e o AVE aproximará e mellorará a vida a un lado e outro da fronteira", sentenciou daquela.

Plan de execución

O plan de traballo do Executivo luso está fixado. Segundo apuntou o presidente do ente Infraestruturas de Portugal, Miguel Cruz, o obxectivo é conectar en 2030 as cidades de Porto e Vigo nun tempo de 1 hora e 25 minutos. Nesta liña, significou que na primeira fase das obras procederase a abrir tramos de modo gradual, entre  Porto e Braga e Braga e Valença.

Ao tempo, Cruz reclamoulle ao Executivo español que axilice as obras da saída sur de Vigo, en fase de estudo, para completar a ligazón ferroviaria entre A Coruña e Lisboa. Lembrou que o financiamento para estas actuacións está recollido no plan Next Generation para Portugal aprobado por Bruxelas.

A principal pexa para esta actuación procede do Goberno de Madrid. Malia que no Cumio Hispano-Portugués de 10 de outubro de 2021 resolveuse a cuestión cunha resolución de compromiso, onde os dous Estados acordaron "avanzar na mellora da conexión ferroviaria Porto-Vigo" e "comprometerse  a continuar cos traballos para impulsar a conexión ferroviaria Lisboa-Madrid", o Executivo luso é consciente das resistencias que esta actuación atopa do lado español.

Precisamente, os últimos orzamentos xerais do Estado xeraron aínda máis dúbidas sobre as intencións do Goberno de Sánchez, que se negou a recoller unha partida para esta actuación, continuando sen avances o proxecto da saída ferroviaria sur de Vigo.