Coñecer: da memoria da rebeldía do rei galego Ordoño II á das orixes do movemento obreiro compostelán

O suplemento de Nós Diario sobre historia, memoria, patrimonio e arte volve este sábado con reportaxes, análises e entrevistas.

A editorial Chan da Pólvora vén de publicar unha emotiva xoia de entendemento entre John Berger e Anne Michaels, na que, páxina a páxina e lembranza a lembranza, debullan un relato sentido das súas impresións arredor dos ferrocarrís. Trocando miradas, ideas e voces, andando polas beiravías das estacións ou subindo aos vagóns, ambos os dous escritores amorean como un tesouro os sons e as cores da memoria. Neste intercambio, Berger, aberto sempre ao decorrer dos tempos, refírese a esa escrita “que medrou a carón das vías férreas” construída con “palabras dun bote de spray”, a mesma que ás veces nace como graffitis políticos ou berros de amores e desamores, e outras moitas, desgraciadamente, como borranchos sen mensaxe, que só feren o patrimonio. Un tema que Mercedes Rozas debulla en ‘Imaxes dun bote de spray’.

Cen anos de ‘El Emigrado’. El Emigrado bota a andar o 15 de setembro de 1920 a un prezo de dez céntimos desde que os irmáns Albino e Maximino Matalobos Loureiro, amparados pola Sociedade de Fillos da Estrada en Cuba, sacan do prelo este xornal de clara posición anticaciquil para contribuír no exercicio xornalístico da prensa estradense e que posteriormente adoptaría novas fronteiras ideolóxicas segundo se foron desenvolvendo as diversas circunstancias políticas dos primeiros 40 anos do século XX. Marcos Borrajeros debulla este proxecto xornalístico.

Os sucesos da estación de Cornes. Eliseo Fernández cóntanos as orixes do movemento obreiro na capital galega. A antiga estación de Cornes, que en 1873 fora partida e chegada da primeira liña ferroviaria da Galiza, foi escenario en 1898 dun grave enfrontamento entre a patronal e a clase traballadora de Santiago. A orixe do conflito foi a folga que se tiña declarado entre os traballadores do contratista Juan Bouzón Figueroa a mediados do mes de febreiro; o transfundo era a crecente implantación do movemento obreiro na cidade do apóstolo e as iniciativas dos patróns santiagueses para combatela, en alianza co aparello de poder da igrexa local.

Lugo, o bastión galego de Ordoño II. Alexandre Peres lévanos pola historia de Lugo ao longo da Idade Media, nomeadamente durante o reinado de Afonso III (866-910), quen conseguira non só reunificar Gallaecia baixo un único soberano mais tamén ampliar o seu territorio. Mais catro séculos despois da caída de Roma, os acontecementos políticos mudaran a organización dunha Gallaecia que vivira o ascenso e caída das monarquías sueva e visigoda como tamén, e moi especialmente, a chegada dunha novidosa relixión, o Islam, ás veciñas terras de Hispania.

Hai tamén os artigos e achegas de Paula V. Verao e Montse Fajardo. Tamén de Xosé Álvarez Castro, Silvia Fiallega Lorenzo e Lois Diéguez. Unha entrevista ao historiador Manuel Pazos Gómez pon o ramo a este número do suplemento.