Unha condutora resulta ferida tras arremeter unha formigoneira contra o seu vehículo

Operativo tras un accidente no Barco de Valdeorras (Foto: Europa Press).
A condutora do vehículo tivo que ser excarcerada e, posteriormente, foi trasladada ao hospital do Barco.

A condutora dun turismo resultou ferida nun accidente de circulación esta quinta feira ao arremeter contra o vehículo en que viaxaba un camión formigoneira no Barco de Valdeorras. O accidente tivo lugar ás 9.15 horas na estrada N-536.

Segundo informou a Garda Civil, o camión formigoneira incorporábase á rotonda de acceso ao Polígono da Raña e non se decatou de que, por ela, circulaba un turismo contra o cal arremeteu, arrastrándoo sete metros polo interior da rotonda.

Como consecuencia, a condutora do vehículo tivo que ser excarcerada do interior do coche por parte do operativo que se trasladou até o lugar do accidente e, posteriormente, foi trasladada ao hospital do Barco xa que presentaba dores nas costas.

Ao lugar de accidente acudiron dous motoristas do destacamento do Barco de Valdeorras que realizaron instrución de dilixencia e regulación do tráfico, tres compoñentes da Policía Local do Barco que axudaron na regulación do tráfico, dúas dotacións de Bombeiros da Rúa (Valdeorras) que realizaron a excarceración da muller, unha dotación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Barco e unha ambulancia.