Un condutor dáse á fuga tras atropelar unha moza en Barbadás

Agora trátase de dar co paradoiro do condutor fuxido. (Foto: Nós Diario / Arquivo)
A muller foi trasladada ao hospital por un golpe na cabeza.

Un condutor atropelou na noite desta cuarta feira unha moza no municipio de Barbadás (comarca de Ourense), na avenida de Celanova, na Valenzá, e deuse á fuga. Segundo informa o 112-Galiza, sucedeu pasadas as 21 horas da cuarta.

A moza foi trasladada por unha dotación de Urxencias Sanitarias do 061 ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), pois presentaba un golpe na cabeza. Aliás, solicitouse a intervención da Policía Local e dos membros do servizo municipal de Protección Civil. Agora trátase de dar co paradoiro do condutor fuxido.

Un accidente múltiple na Autovía do Morrazo deixa dúas persoas feridas

Por outra parte, unha colisión múltiple na Autovía do Morrazo, á altura de Moaña, deixou na mañá desta quinta feira dúas persoas feridas e complicacións no tráfico. Segundo informa o 112, catro coches víronse implicados no accidente na AG 4.6, contra as 7 horas da mañá.

Dous vehículos chocaron no punto quilométrico 6 en sentido Rande. Uns minutos despois, outros dous coches bateron tamén cos anteriores, o que provocou un tapón na circulación. A consecuencia de ambos os impactos, dúas persoas necesitaron asistencia médica e foron evacuadas por persoal do 061.

Tamén se pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como de equipos de limpeza e mantemento da vía para recuperar as condicións de seguridade da calzada.