A CIG ve “condicións de explotación” nas residencias e centros de menores da provincia da Coruña

O sindicato nacionalista afirma que “están a se converter en centros de alto risco para a saúde do persoal que fai o seu traballo en condicións penosas e nocivas”.

As residencias de maiores e centros de menores da provincia da Coruña están a se tornar en centros de alto risco para a saúde do persoal que fai o seu traballo en condicións penosas e nocivas. Esta é a denuncia que fai a CIG, que critica que a Consellaría de Política Social “continúa a non recoñecer a compensación por descanso en domingos e festivos e van máis lonxe na súa temeridade e non cobren as baixas de persoal, co que se está a traballar nestes centros por debaixo dos minimos establecidos e cunha acumulación de baixas moi por riba da media de outros centros de traballo”.

 

Con Fabiola García  á fronte da consellaría de Política Social, denuncian, reincídese na falta de cobertura de baixas nos centros de atención directa, de tanta importancia como as residencias de maiores e centros de menores.

 

Nunha situación de desleixo e abandono que se produce, alega a central nacionalista, a custa de que o persoal que queda nas quendas e gardas teña que asumir o traballo do persoal de baixa que non se cobre.

 

O sindicato insta a nova conselleira Fabiola Garcia a tomar medidas “para dotar os centros de atención directa dos cadros de persoal necesarios”.

 

A CIG demanda tamén que se reconvertan os contratos de fin de semana, “precarios e insuficientes”, en relacións laborais de xornada completa.