O TSXG condena a Xunta a restaurar o Pazo de Lourizán

Pazo de Lourizán. (Foto:Turismo da Galiza)
O tribunal dá a razón á Deputación de Pontevedra e obriga ao Goberno galego a restaurar o edificio, ademais de correr coas custas procesais. 

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou a Xunta a restaurar o Pazo de Lourizán, no concello de Pontevedra, despois de que o Goberno galego incumprise os convenios asinados coa Deputación de Pontevedra para levar a cabo as obras de conservación do edificio.

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo emitiu unha sentenza o pasado 1 de febreiro na que obriga á Administración galega a desenvolver os traballos, xa que "non se evidencia a imposibilidade de execución das obras".

Con esta resolución, o TSXG dá a razón á Deputación de Pontevedra, estimando o recurso que presentou a institución provincial o 30 de xullo de 2019 para que o Goberno galego adoptase as súas responsabilidades, dando así cumprimento ao acordo do pleno provincial que ordenou o inicio inmediato de accións legais dada a inacción da Xunta cos compromisos adquiridos.

A sentenza baséase aos termos estabelecidos nos convenios de cooperación (1991) e aproveitamento (2000) asinados por ambas as dúas administracións, tal e como sempre defendeu a Deputación.

Custos procesais

A sentenza do TSXG tamén impón á Administración galega as custas procesuais e deixa claro que “non hai ningunha dúbida sobre a obriga da Administración galega de efectuar as obras de conservación do pazo de Lourizán”.

No texto, o tribunal afirma que “está acreditada a existencia da obriga, a cargo da Administración galega, de efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do actual conxunto, e de que dita obriga está sendo incumprida” cando “non se evidencia a imposibilidade de execución das obras”.

Pola súa parte, a Xunta respondeu á sentenza do tribunal afirmando que as obras de conservación xa están en marcha.