Condenan o Sergas a pagar unha indemnización de 15.000 euros á familia dun falecido pola tardanza dunha ambulancia

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).

O Servizo Galego de Saúde deberá, ademáis, pagar 89.000 euros á familia dun paciente que se suicidou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e un xulgado de Vigo condenaron o Servizo Galego de Saúde (Sergas), dependente da Consellaría de Sanidade, ao pago de distintas indemnizacións tras denuncias de familiares de pacientes falecidos, nun caso por atraso nunha ambulancia e, noutro, polo suicidio dun paciente con problemas psiquiátricos.

Así, o auto do TSXG declara a existencia de responsabilidade patrimonial e obriga a Administración ao pago, polo atraso nunha ambulancia, de 15.000 euros á filla dun home falecido en Moaña (O Morrazo).

En primeira instancia, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra desestimou a petición da familia, que alegou deficiente atención sanitaria despois de que o home falecera, en decembro de 2017, tras unha parada cardiorrespiratoria no seu domicilio.

A resolución recolle que a filla coa que convivía fixo unha primeira chamada ao 061, cuxa base está perto do seu domicilio en Moaña, comunicando, ademais, a enfermidade de corazón do seu pai. Houbo unha segunda chamada ao 112 quince minutos despois.

Nela, indicáronlle que lle fixese unha masaxe cardíaca mentres non chegaba a ambulancia. Un veciño, fixo, vinte minutos após a primeira, outra chamada ao 061. Finalmente, a ambulancia chegou media hora despois, constatando o falecemento do home.

Para o TSXG, produciuse unha "perda de oportunidade que vén configurada pola demora na chegada ao domicilio da ambulancia, e a incerteza que se produce respecto a que ocorrese se a ambulancia chegase antes".

Outra resolución condenatoria

Por outra banda, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo condena o Sergas a indemnizar unha familia ao considerar que non se tomaron as "medidas de previsión e coidados necesarios" no caso dun paciente, con problemas psiquiátricos, ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro, e que se suicidou. Neste caso, fixa indemnizacións que suman un total de 89.000 euros.

Na sentenza, entende que "era obrigatorio extremar as precaucións adoptando as medidas precisas para evitar a autolesión producida, existindo como é este o caso un protocolo de prevención do suicidio", recolle o tribunal en relación a un home nado en 1987 e ingresado en xaneiro de 2020 no servizo de psiquiatría do citado hospital.

En concreto, ingresara por "xesto autolítico", e presentaba un trastorno psicótico asociado a consumo de substancias (alcohol e cocaína). O home falara de quitarse a vida: "tras ver a mala vida que lle daba aos seus familiares". Ademais, recolle a sentenza, en distintas ocasións comentou ante especialistas que quería morrer, "reunirse co pai" e "viaxar ao sistema solar".