Condenan o Sergas por graves danos a unha paciente que enviou a Madrid a abortar

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo vén de condenar o Sergas por “expoñer a un risco vital elevado” a unha paciente após derivala a Madrid para abortar nunha clínica madrileña, onde finalmente perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica.

O Sergas vén de ser condenado pola pésima atención a unha muller embarazada que presentaba unha alteración cromosómica no feto e a quen non lle autorizou o aborto até a semana 32. Unha vez autorizado, derivouna a Madrid, a onde tivo que desprazarse no seu propio coche, para que lle practicasen a interrupción voluntaria do embarazo.

Aínda que nun primeiro momento a paciente foi derivada a un hospital privado, finalmente foi trasladada ao centro hospitalario La Paz por complicacións na intervención. Unhas intervencións que lle provocaron a perda do útero e da posibilidade de ser nai biolóxica.

O xuíz condenou o Sergas a aboar 270.000 euros en concepto de danos e prexuízos e advirte na sentenza de que “a neglixencia médica está pois en todas partes”, desde no atraso á hora de autorizar o aborto ao feito de a derivar a Madrid. “Inaceptábel obsérvese desde onde se observe”, sinala o xuíz.

A violencia obstétrica e a atención deficitaria que sofren as mulleres que abortan na área sanitaria da Coruña foi obxecto de varias denuncias por parte de distintas afectadas. Aliás, a Plataforma polo Dereito Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres entrevistáronse a finais de setembro coa Fiscalía da Audiencia Provincial para lle solicitar que adoptase medidas e para requirir responsabilidades penais.