Condenan o Sergas por un embarazo tras un erro nunha esterilización

O TSXG concede á nai 60.000 euros pola mala praxe (Europa Press)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de condenar o Sergas e a Consellaría de Sanidade ao pago dunha indemnización de 60.000 euros a unha muller que quedou embarazada, tres meses despois de se someter a unha intervención para a colocación dun anticonceptivo.

A sentenza sinala que a ineficacia do procedemento estivo causada pola mala praxe do equipo médico ao interpretar de maneira errónea unha das probas que se realizaron á paciente e que levou a colocar nunha das trompas de falopio un dispositivo anticonceptivo denominado Essure, un pequeno espiral de metal e fibra que, ao implantarse, xera tecido cicatrizal que evita que os espermatozoides alcancen o óvulo.

Esa omisión, xunto coa retirada do DIU que a muller tiña colocado, causada pola mesma conclusión errónea,  foi o que "posibilitou –segundo recolle o ditame– que se producise a fecundación e posterior embarazo". 

A resolución chega despois de que tanto o Sergas como o xulgado, nunha primeira instancia, desestimasen a pretensión da recorrente, unha muller cunha discapacidade recoñecida de 86%, que reclamou polo dano sufrido, tanto económico –polo aumento dos seus gastos derivados do nacemento da súa segunda filla– como moral, pola lesión do seu "dereito de autodeterminación reprodutiva". 

O tribunal basea a súa conclusión sobre a responsabilidade patrimonial da Administración na "errónea" interpretación do equipo facultativo que atendeu o caso de que existía unha oclusión "total e permanente" da trompa dereita da paciente, por atopala obstruída no momento de intentar a colocación do Essure, o que fixo desbotar a esta posibilidade e retirar o DIU.  

Segundo consta na resolución, o informe derivado da proba de imaxe –histerosalpingografía– para confirmar a obstrución ditaminou que había unha "replección parcial" da trompa, do que se deduciu de forma equivocada que había unha oclusión definitiva do conduto, cando o que ocorría é que estaba parcialmente obstruído.

A sentenza aprecia ademais que a proba de imaxe para comprobar a oclusión ou apertura da trompa se realizou sen deixar o tempo necesario para ser efectiva, á vista da opinión dun perito xudicial que sinalou que, no caso do Essure, esta comprobación faise pasados tres meses desde a inserción do dispositivo, "para proporcionar un período suficiente a fin de que se fibrose o tecido e se produza  o feche". Neste caso, esa proba de imaxe realizouse só 15 días máis tarde da intervención. 

A este respecto, o tribunal bota man do informe do xefe de servizo de Xinecoloxía do centro hospitalario, quen advirte que a maior taxa de embarazos con esta técnica se relaciona co incumprimento do protocolo de seguimento por parte da paciente ou do persoal médico "ou –como neste caso–por unha mala interpretación das probas de imaxe".

O implante Essure foi retirado do uso no Estado español en 2017 polos efectos secundarios que causaba, e xerou numerosas reclamacións por problemas  na implantación e por falta de información. 

Neste caso, a paciente tamén alegaba falta de información sobre a técnica e as decisións que se tomaron, se ben neste contexto a sentenza rexeita o argumento pola existencia de varios documentos de consentimento informado no expediente.