Condenan o Sergas por activar tarde o protocolo para recoller en helicóptero un hombre que faleceu en Cartelle

Un helicóptero do 061 (Imaxe: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ratificou a condena contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) por activar de forma tardía o protocolo do 061 nunha emerxencia na que un home faleceu en abril de 2018 no municipio de Cartelle (comarca de Celanova).

O Alto Tribunal desestima o recurso de apelación presentado pola Administración galega, á que condena a indemnizar con 66.000 euros a viúva e a filla dun home falecido.

A sala estima que o protocolo para recoller en helicóptero o home foi activado tarde e que non pode determinarse que ocorrese no caso de que o proceder do Sergas fose o correcto e a aeronave chegase antes ao lugar onde se atopaba o home.

Os feitos tiveron lugar en abril de 2018 no lugar de Outomuro, situada no municipio de Cartelle. O falecido detivo o vehículo no que circulaba xunto á súa muller ao atoparse mareado. Foi ela quen se deu conta de que o seu marido non respiraba con normalidade e decidiu chamar ao 061.

Segundo consta na sentenza, contra a que cabe recurso de casación, na propia chamada indicou que o marido se atopaba "moi mal", sen apenas poder respirar, polo que pedía asistencia sanitaria. Recibiu como resposta que "non había ambulancia dispoñíbel" no momento e que achegase ao home até o PAC máis próximo, o de Celanova, situado a 15 quilómetros do lugar.

Aínda que nun principio aceptou, a situación empeorou e volveu chamar ao 061. Engadiu que o seu marido xa fora ingresado en UCI por un problema respiratorio pero a resposta desde a central foi, segundo reflicte a sentenza, que por que non trasladaba ela mesma o home.

Nese momento a muller xa se atopaba coa súa filla, que foi quen fixo unha terceira chamada ao 061 expoñendo que o seu pai estaba "negro", "tombado no chan" e perdendo o coñecemento. Produciuse unha cuarta chamada, realizada por unha enfermeira de Cartelle que foi avisada por un veciño. Esta alertou que o home "non estaba morto" pero "si inconsciente e non saturando", polo que insistiu na necesidade de que o recollese unha ambulancia.

Esta profesional tivo que facer unha reanimación cardiopulmonar, coa que logrou que o paciente recuperase o pulso. Con todo, cando chegou o helicóptero pasara máis de media hora e a vítima entrara en parada cardiorrespiratoria. O home foi trasladado ao CHUO de Ourense, onde foi evacuado pola imposiblidade de chegar a Vigo.

Por todo iso, a familia do falecido acudiu aos tribunais e o xulgado do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela determinou que a aseguradora da administración demandada, o Sergas, debía facer fronte a unha indemnización de 66.000 euros, 60.000 para a muller do falecido e 6.000 para a filla, "por perda de oportunidade" ao non poder asegurar "que pasaría" co home de activar con anterioridade o protocolo.

O Sergas recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza, que agora volveu dar a razón á familia. No texto recóllense as horas das chamadas ao 061, a primeira fíxose ás 19.06 e o helicóptero "non foi avisado até as 19.23". Segundo o TSXG, "foi esencial para poder evacuar o enfermo ao hospital”.

"Queda a dúbida de se as consecuencias serían menos graves e de se podería ter máis posibilidades de superar a afección", resaltan os maxistrados. Ademais, engaden que a filla do falecido "fixo ver a gravidade" da situación indicando como se atopaba o seu pai e que non podían trasladalo eles mesmos, polo que a sentenza alega que "non pode poñerse de escusa a falta de comprensión do lugar no que se atopaba o paciente, pois déronse os datos na primeira chamada".

Así pois, desestimaron o recurso de apelación interposto polo letrado do Sergas e impuxeron a indemnización de 66.000 euros á familia, así como o pago das custas procesuais.