Condenan o empresario que agrediu un edil do BNG por denunciar un delito ecolóxico

Manuel Fariña, no centro.

Por un delito de lesións. Os feitos aconteceron en marzo de 2020 en Caldas de Reis.

O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Caldas de Reis, Manuel Fariña, denunciaba a principios de marzo do ano pasado que fora agredido por un empresario da comarca, responsábel, presuntamente, dun vertido de cascotes nos montes de Saiar e que o edil nacionalista denunciara.

O pasado mes de xuño decorreu o xuízo a raíz desta denuncia e vén de se publicar a sentenza, que condena o empresario por un delito leve de danos. Terá que pagar 270 euros a Manuel Fariña, así como o pagamento das costas e, ademais, deberá indemnizar o concelleiro con perto de mil euros.

“Douche unha [puñada] e douche vinte, porque as mereces e porque teño 'huevos' para darchas e porque eres un fillo de puta”

A sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, considera feitos probados que o 5 de marzo de 2020, sobre as 11.40 horas, o denunciante, Manuel Fariña Souto, a petición do denunciado acompañou a este, Juan José C.I., a unha parcela forestal sita en Cardín, sobre a que Manuel Fariña denunciara previamente a existencia duns vertidos. “Unha vez que chegaron alí, e tras unha discusión, Juan José Caamaño, con ánimo de atentar contra a integridade física de Manuel, dirixiulle o puño á cara, o que provocou a caída deste. Unha vez no chan, Manuel dirixiuse cara Juan José e díxolle: “paréceche esta a forma de amañar as cousas?” ao que Juan José lle respondeu “douche unha e douche vinte, porque as mereces e porque teño huevos para darchas e porque eres un fillo de puta”.

Como consecuencia do anterior Manuel Fariña Souto sufriu lesións consistentes en contusión no nocello esquerdo e contusión na queixada e na nádega esquerda. Estas lesións requiriron para a súa sanidade dunha única asistencia facultativa, sen tratamento médico nin cirúrxico. Manuel tardou 21 días en curar das súas lesións, dos que 7 sufriu un prexuízo particular moderado na calidade da súa vida; e os outros 14 un prexuízo particular básico.

A agresión produciuse un par de semanas despois de que o BNG de Caldas denunciase o vertido de toneladas de entullos nos montes de Saiar de forma incontrolada, sen vixilancia nin permiso por parte  da Administración. Con anterioridade, a veciñanza da contorna xa denunciara os feitos ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona). Foi a ausencia de noticias por parte dos axentes deste servizo o que motivou a denuncia do edil nacionalista nas dependencias da Policía Local para que investiguen as verteduras.