Condenan unha empresa viguesa por acoso laboral a unha empregada embarazada

O Tribunal Supremo vén de confirmar a sanción administrativa de 20.000 euros imposta a Termocalor.

O Tribunal Supremo (TS) vén de confirmar a multa imposta pola Inspección de Traballo a Termocalor, compañía viguesa de calefacción, climatización e enerxías renovábeis, polo acoso laboral ao que foi sometida entre 2008 e 2010 unha traballadora a raíz de anunciar que estaba embarazada.

 

Segundo relatou a propia afectada, Patricia Estévez, todo comezou cando lle comunicou ao seu xefe, Ramón Argudín, que estaba embarazada da súa miña primeira filla. “O primeiro que me dixo foi “bueno, tú conoces tus responsabilidades y yo las mías”; esa foi a súa noraboa”. Cos compañeiros homes a actitude era ben distinta, xa que era felicitados pola súa paternidade “e mesmo recibían agasallos”.

 

Estévez compareceu esta semana acompañada da secretaria de Organización da CIG-Industria, Mercedes Domínguez e da avogada da central que levou o caso, Patricia Mariño. A sentenza ratifica a emitida con anterioridade e fixa unha sanción administrativa de 20.000 euros para a empresa.

 

Coa súa decisión, sinala a central nacionalista, o TS recoñece a veracidade dun acoso laboral por razón de xénero entre os anos 2008 e 2010, situación que continúa hoxe en día “pero que dun xeito algo máis relaxado, aínda que non cambiou substancialmente”.

 

O acoso iniciouse xa co primeiro embarazo mais agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez. Cámbianlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde), o que dificulta poder atender as crianzas. É destinada a un “cuartucho” que antes era un almacén, “no que colocaron unha mesa, o ordenador máis vello da empresa e un teléfono portátil que deixaban ou quitaban dependendo de se me facía falta ou non”.

 

Ademais, afirma, o empresario comezou a dirixirse a ela, e así llo dicía aos seus compañeiros/as, como “esa chica”, “la chica”, “esa persona”, “la persona”, “tu compañera”, “la compañera de la derecha”, e con outras expresións dese tipo. “Non pronunciaba o meu nome nin me trataba con respecto; a partir de aí todo foi en picado”.

 

O empresario propúxolle que marchara da empresa, explica a CIG, pero non quería pagar indemnización e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto. Desde o sindicato lembran que situacións coma esta acontecen continuamente, e que o excepcional deste caso é que a traballadora se decidiu a contalo e a denunciar.